O PSOE propón a creación dunha axenda en liña de eventos culturais

Pontevedra
13 de setembro 2024

Habilitar unha axenda cultural en liña na que se publiciten todas as actividades culturais organizadas no municipio polas diversas administracións e entidades sociais, tanto públicas como privadas, é a proposta que a agrupación socialista presentará no próximo Pleno Municipal

Comparecencia do grupo municipal do PSOE PSdeG-PSOE

Habilitar unha axenda cultural en liña na que se publiciten todas as actividades culturais organizadas no municipio polas diversas administracións e entidades sociais, tanto públicas como privadas, é a proposta que a agrupación socialista presentará no próximo pleno municipal.

O PSOE instará o goberno local a impulsar a creación desta plataforma, propoñendo que sexa accesible desde a web do Concello, ademais de pedir que se cre un apartado específico para o rural ao que bautiza como 'Culrural'.

"Pontevedra é unha das cidades galegas que máis destaca por ter unha actividade cultural diaria máis amplas, no conxunto do seu termo municipal, na maior parte impulsada polos nosos colectivos culturais, veciñais e sociais", pero "carecemos dunha plataforma que lle dea unha difusión organizada, planificada e coordinada a toda esta programación que temos ao longo dos sete días", defendeu en rolda de prensa o portavoz local socialista, Iván Puentes.

Segundo Puentes o Concello "debe converterse nese coordinador que dea un ánimo e visibilidade a toda esa actividade cultural".

"Temos unha trintena de centros culturais, dos que 24 dependen do Concello de Pontevedra, dos que apenas temos coñecemento e dos que non se centraliza ningún tipo de información... A nosa moción tamén pretende abarcar todas aquelas propostas impulsadas a nivel privado e que esta páxina funcione como un referente, como un hub, que dea lugar a ligazóns", explicou pola súa banda a concelleira Carmen Hermo.