O PSOE Poio asegura que o Concello pode perder 72.500 euros de fondos europeos

Poio
23 de abril 2024

O voceiro socialista, Gregorio Agís, asegura que non é a primeira vez que sucede algo así desde que o PP entrou no goberno

Ximnasio municipal da Seca

O Concello de Poio está preto de perder unha subvención de 72.542,40 euros de fondos europeos.

É o que asegura o grupo municipal do Partido Socialista, sinalando a un informe tramitado polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) para revogar unha axuda concedida durante o mandato anterior ao Concello de Poio.

Asegura o portavoz socialista, Gregorio Agís, que esta contía forma parte dunha subvención de máis de 90.000 euros destinada a melloras de eficiencia enerxética no ximnasio da Seca.

Sinala o representante do PSOE que o goberno local, xa co Partido Popular de Ángel Moldes na alcaldía, non deu resposta a un requirimento do IDAE de fai cinco meses, no que solicitaba que se lle enviase documentación que certificase a eficacia da actuación.

"O señor Moldes e o seu equipo non levan nin un ano gobernando, tempo suficiente para que perdan dúas axudas por valor de máis de 100.000 euros", afirmou Gregorio Agís asegurando que Poio xa perdeu por motivos similares outra axuda correspondente ao Plan Ágora da Deputación de Pontevedra.