"Sorprendentes e preocupantes", así cualifica o PSOE pontevedrés as declaracións do vicepresidente da Deputación e concelleiro na corporación municipal, César Mosquera, dubidando de que o aparcadoiro do futuro hospital Gran Montecelo poida ser gratuíto.
"Despréndese que está a asumir que o futuro aparcadoiro non será gratuíto. E o mais grave é que parece que non lle importa", acusa o portavoz socialista, Agustín Fernández.
Ante esta situación o PSOE demanda ao Concello que definan a súa posición e adopte medidas para evitar que o futuro parking hospitalario sexa de pagamento.
"O Concello non pode ser un mero espectador, ten que participar na toma de decisións", sinalou Fernández facendo referencia ao importante investimento que tamén supoñerá ás arcas municipais o proxecto do futuro hospital ao facerse cargo da execución de servizos e infraestruturas como o saneamento ou o abastecemento de auga.
Para buscar a reacción do goberno local, o PSOE avanza que presentará unha serie de preguntas coa intención de que os grupos da corporación definan publicamente a súa postura respecto diso.