O PSOE pedirá a Ana Pastor que aclare o futuro da A-57, a A-59 e a Circunvalación de Pontevedra

Pontevedra
29 de outubro 2012

Sobre estas cuestións e o futuro da peaxe da AP-9, os socialistas presentarán no Congreso dos Deputados diversas iniciativas para que a ministra "clarifique as promesas electorais que fixo na campaña e saber claramente cal é o proxecto real que ten o Goberno sobre a mobilidade entre Vigo e Pontevedra"

Guillermo Meijón durante a presentación das enmendas do PSOE aos PGE 2013 PontevedraViva

"Un brindis ao sol en época electoral". Así cualifica o PSdeG-PSOE de Pontevedra os anuncios realizados durante a pasada campaña pola ministra de Fomento, Ana Pastor, respecto dalgunhas das infraestructuras largamente demandadas na provincia, como a A-57, a A-59, a Circunvalación de Pontevedra ou a ampliación da AP-9.

Por iso, sobre estas cuestións e o futuro da peaxe da AP-9, os socialistas presentarán no Congreso dos Deputados diversas iniciativas para que a ministra "clarifique as promesas electorais que fixo na campaña e saber claramente cal é o proxecto real que ten o Goberno sobre a mobilidade entre Vigo e Pontevedra".

Guillermo Meijón anunciou esta decisión do PSOE durante a rolda de prensa na que presentou as enmendas ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2013, que contemplan máis de 42 millóns de euros en investimentos para a provincia de Pontevedra. Servirían, dixo, para corrixir un documento que "manteñen a senda do axuste duro, sendo inxustos, ineficaces e equivocados ao recortar nas políticas de cohesión social e de crecemento".

O deputado socialista explicou que en total presentáronse máis de 600 enmendas "para manter as políticas sociais, a educación, a sanidade e os servizos sociais, ademais de adicar case 7.000 millóns en políticas de crecemento cunha nova política fiscal que permita recadar esas cantidades", na que destacou un imposto para as rendas máis altas, un novo imposto de transaccións financeiras e unha reforma do imposto de sociedades.

En concreto, esas enmendas afectan a diversas localidades da provincia, entre elas, Cambados (cuartel da Garda Civil) 300.000 euros, A Illa de Arousa (rehabilitación vivendas e equipamiento sociocultural) 300.000 euros; Pontevedra (estudo nó de bombeiros, espazo intermodal e plataforma loxística de Leborei) 1,4 millóns de euros; ou Caldas de Reis (Ponte peatonal do río Umia e melloras na N-540) 320.000 euros.

Con carácter xeral en toda a provincia tamén se inclúen tres millóns de euros no aeroporto de Peinador; cinco millóns de euros no AVE entre Ourense e Vigo e outros quince millóns para o tramo do Eixe Atlántico. Ademais, para diversos tramos das autovías entre Pontevedra e Vigo (A-57 e A-59) inclúen un total de 11.250.000 euros e para o estudo da ampliación da Ponte de Rande, unha partida de 500.000 euros.

Arquivado en