O PSOE leva a Pleno a "represalia do PP" contra o Ateneo, que quedou sen sede no edificio da Xunta en Benito Corbal

Pontevedra
29 de agosto 2023

O PSOE pontevedrés levará ao Pleno da Corporación de Pontevedra e ao Parlamento de Galicia a situación actual do Ateneo, que quedou sen o local que tiña até agora e piden o apoio de todas forzas políticas pontevedresas, "en especial do PP" e de Rafa Domínguez

Manuel Fariña, concelleiro do PSOE Mónica Patxot

O PSOE pontevedrés levará ao Pleno da Corporación de Pontevedra e ao Parlamento de Galicia a situación actual do Ateneo de Pontevedra, que quedou sen o local que tiña até agora no edificio administrativo da Xunta de Galicia de Benito Corbal no que entenden que é unha "represalia do PP" que ven "incomprensible" e para a que non atopan xustificación. 

O concelleiro socialista Manuel Fariña deu a coñecer este martes a moción que van a presentar, para a que piden publicamente o apoio de todas forzas políticas pontevedresas, "en especial do PP" e do seu líder local e vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

A Domínguez lémbralle que esta mesma semana sinalou nunha comparecencia na Deputación que quere converter Pontevedra na cidade da cultura. Pídelle o seu apoio a esta iniciativa para demostrar ese compromiso cos intereses culturais dos pontevedreses fronte aos "intereses partidistas" do PP na Xunta de Galicia.

Esta moción busca que a Xunta de Galicia corrixa a situación, que ve un "agravio". Para iso, entende que debe atender o recurso de reposición presentado polo Ateneo ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia da Xunta pedindo a revisión da súa puntuación na convocatoria para o reparte dos locais. 

En caso de que ese recurso non teña un resultado positivo, pide á Xunta que poña a disposición do Ateneo un novo local que lle permita continuar coa súa actividade.

O PSOE pide que cando se revise esa puntuación se teñan en conta cuestións como a relevancia social, o número de beneficiarios, a antigüidade, o uso do idioma ou a defensa da igualdade.

En relación con este último aspecto, o da igualdade, pon sobre a mesa un "exemplo absolutamente escandaloso da parcialidade do PP" á hora de aplicar o baremo da reparto de locais, pois o Ateneo quedou fóra, pero logrou unha sede a fundación antiabortista Redmadre, que "discrimina ás mulleres por razóns ideolóxicas e relixiosas" e logrou catro puntos de cinco posibles no eido de defensa da igualdade.

Fronte a esa puntuación, o Ateneo de Pontevedra, unha asociación cultural "plural, diversa, de relevancia e que traballa pola liberdade de pensamento e a igualdade real", non tivo puntos nese apartado e quedou a catro da última adxudicación. 

Manuel Fariña lembra que o Ateneo é unha institución cultural sen ánimo de lucro que en novembro cumprirá 58 anos de labor altruísta de fomento do pensamento, o debate e a promoción da cultura e da lingua galega e organizando actividades culturais na cidade e na súa contorna. Ten 160 socios de cota e 500 adscritos, que participan en maior ou menor medida das súas actividades".