O PSOE forza un Pleno extraordinario na Deputación para debater as axudas aos concellos pola marea de pellets

Pontevedra
21 de xaneiro 2024

O PSdeG-PSOE solicitou por rexistro a celebración dun Pleno extraordinario na Deputación de Pontevedra para debater dúas mocións, unha sobre a marea de granulados ou pellets e  outra sobre o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Os Valos-Amoedo, en Pazos de Borbén

Laura Iglesias, deputada provincial do PSOE PSdeG-PSOE de Pontevedra

O PSdeG-PSOE solicitou por rexistro a celebración dun Pleno extraordinario na Deputación de Pontevedra para debater dúas mocións, unha sobre a marea de granulados ou pellets que chega ás costas galegas e outra sobre o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Os Valos-Amoedo, en Pazos de Borbén.

Desde o PSOE explican que son dúas mocións que o PP no Goberno provincial rexeitou incluír na orde do día do Pleno ordinario deste mes de xaneiro, nunha decisión que ven "profundamente antidemocrática", e lembran que o grupo socialista, ao ter máis dun cuarto dos deputados, ten potestade para reclamar plenos extraordinarios.

A deputada Laura Iglesias afirma que o presidente da Deputación, Luis López, "debe deixar de facer o ridículo", porque ninguén entende que se negue a debater asuntos de competencia provincial cando o pasado 20 de novembro convocou un pleno extraordinario e urxente para debater unha moción do PP "para defender España e a Constitución". A ese pleno só se presentaron os deputados e deputadas do PP e durou 11 minutos.

Laura Iglesias opina que "o PP non quere debater as mocións" porque reclámase que a Deputación axude aos concellos afectados polo vertido de pellets de plástico coa convocatoria dun plan específico de axudas. Tamén se reclama que a Xunta de Galicia avalíe semanalmente os niveis do Plan de Contaminación (Camgal) e estreite a colaboración con tódalas Administracións.

A deputada recalca que, "unha vez máis, a Deputación púxose de perfil e deixou sós aos concellos", obrigados a asumir gastos que non lles corresponden. Lembra tamén que xa en novembro pasado, a Deputación rexeitou outra moción socialista para habilitar axudas polas choivas extraordinarias do pasado outono.

A segunda moción reclama a licitación inmediata da obra, dun millón de euros, para mellorar a seguridade viaria no primeiro tramo da estrada de Os Valos-Amoedo, en Pazos de Borbén, que quedou paralizada co cambio de goberno na Deputación. O PSOE considera que se trata dunha "clara decisión partidista" unha vez que os populares perderon a Alcaldía nas últimas eleccións municipais. 

Arquivado en