O PSOE denuncia que os orzamentos da Xunta non inclúen o saneamento en Ons

Bueu
12 de novembro 2021

A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, sinala que “nin a estación depuradora nin as melloras foron suficientes” para resolver o problema dos vertidos. Mentres que desde a Xunta sinalan que se tratan de problemas "puntuais" e que destinarán fondos europeos a mellorar a depuración na illa

Visitantes desembarcan na Illa de Ons Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía

A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de denunciar no Parlamento que os Orzamentos da Xunta para o ano 2022 volven excluír as melloras no saneamento e depuración de augas residuais da Illa de Ons.

Castro lembrou que “este verán, e ata o mes de outubro, levantámonos todas as semanas con novas na prensa alertando de novos vertidos en Ons” coincidindo coa época de máis poboación na illa, evidenciando que “a depuradora e as melloras feitas foron insuficientes”. 

Denuncia que, malia que a presión social obrigara á Xunta a anunciar na prensa o “investimento en saneamento e depuración para o orzamento de 2022, o certo é que presentaron unhas contas para o próximo ano nas que a actuación non está por ningures”.

Neste sentido, acusou ao goberno galego de “mentirlle de novo á cidadanía, xa que non hai nin unha partida específica destinada a este fin”, por moito que “para lavar a cara anunciaran a construción duns novos aseos públicos na illa”.

Castro lembra a obriga do goberno galego sobre o saneamento e depuración e engade que a Xunta é consciente desta situación porque hai anos xa se comprometera a investir nun plan de saneamento corrixindo as deficiencias no territorio galego, pero “a día de hoxe non hai datos sobre o seu nivel de cumprimento”. Lembra ademais que a Xunta ten "a responsabilidade e a obriga legal de colaborar e auxiliar ás corporacións locais, tal e como establece a Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas", remata Castro.

Con todo, desde a Xunta defenden que destinarán parte dos dous millóns de euros dos fondos europeos de recuperación asignados ao Parque Nacional das Illas Atlánticas a financiar un novo proxecto para mellorar a depuración das augas residuais en Ons. Así o anunciou este xoves no Parlamento a directora  xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, en resposta á pregunta de Castro. 

A responsable autonómica explicou que actualmente Ons conta con dúas depuradoras en servizo, pero recoñece que debido á afluencia de visitantes en determinadas épocas do ano estanse detectando problemas de funcionamento "puntuais".

Para liquidalos están decididos a destinar parte dos fondos europeos de execución directa no Parque Nacional ao futuro proxecto da depuración de Ons.