O PSOE denuncia que a Xunta non contempla o cambio da cuberta do colexio Froebel nos orzamentos

Pontevedra
21 de novembro 2023

Manuel Fariña, concelleiro de Educación do grupo socialista, e Eva Lourenco, presidenta da ANPA Pardo Bazán do centro, alertaron de que esta obra agárdase desde hai trece anos. O grupo municipal socialista presentará unha moción no pleno municipal para que se inste á Xunta a acometer esta obra, prometida reiteradamente pola Consellería de Educación cada vez que se producen filtracións de auga no patio interior e nos corredores

Manuel Fariña, concelleiro socialista, e Eva Lourenco, presidenta da ANPA, reclaman a obra no CEIP Froebel Mónica Patxot

Non hai partida nos orzamentos do 2024 da Xunta para acometer a terceira fase das obras do CEIP Froebel de Pontevedra, un centro que permanentemente se ve afectado pola entrada de auga no seu interior cando se producen choivas intensas.

Manuel Fariña, responsable da área de Educación do grupo municipal socialista, e Eva Lourenco, presidenta da ANPA Pardo Bazán, do CEIP Froebel, denunciaban esta situación durante a mañá deste martes 21 de novembro.

Lembran que durante as semanas de temporal en outubro, as filtracións de auga volveron producirse no patio interior do centro escolar e nos corredores. Os profesores tiveron que instalar cubos para recoller a auga, a pesar de que durante este verán foron acometidos traballos de limpeza por parte das brigadas municipais no tellado e a consellería de Educación realizou reparacións na cuberta para impedir que se repetisen as escenas de invernos anteriores.

Lembran que en decembro de 2022, a nai de dous alumnos caía nun corredor fracturándose unha man debido a presenza de auga no chan e alertan de que existe un perigo para a comunidade escolar. 

Manuel Fariña anunciaba que o grupo municipal do PSOE presentará no próximo pleno municipal unha moción en que solicitarán ao goberno local que inste á consellería de Educación a que leve a cabo a reforma recollida nos termos de 2010; que o Concello colabore na reforma; e, por último, que se constitúa unha mesa de diálogo para realizar un seguimento do proxecto das reformas no que figuren representantes do Concello, da Xunta de Galicia e da comunidade educativa do Froebel.

O concelleiro socialista reclamaba o apoio do PP a esta moción pedindo que teñan en conta os intereses da cidadanía e eviten "a situación de insalubridade e perigo permanente" que se dá no centro, alerta Fariña. 

Eva Lourenco explicou que as obras executadas durante este verán foron un parche provisional, insuficiente para evitar as filtracións que afectan á zona que é utilizada como espazo de recreo e para realizar ximnasia.

"Todo o que é o torreón do Froebel continúa sen arranxarse: aí non fixeron nada e é onde os rapaces teñen o seu proxecto de radio, polo que non poden destapar todo o equipamento que mercaron", explicaba a representante dos proxenitores do alumnado. "A torre non a queren arranxar, porque a Xefatura di que é problema do Concello, e o Concello que é problema de Xefatura... É cousa dos dous, un non mantén e outro non fai a reforma, pero os dous están incumprindo. O ano pasado fixeron fotos do tellado e había un xardín. Pero en todo caso, a auga seguirá entrando mentres non se arranxe a cuberta", engadía Lourenco, preocupada pola situación.

Demanda tamén esa partida económica específica nos orzamentos autonómicos de 2024 para que na primavera comece a obra de renovación da cuberta do centro, como prometera o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, que anunciara o inicio dos traballos coa reforma de Infantil para evitar o traslado destes escolares. A continuación, segundo a previsión da consellería, afrontarían as partes de Primaria e a do piso superior, buscando unha solución similar á utilizada para as obras do IES Valei Inclán coa instalación de módulos durante as obras. 

"Esa foi a promesa de César e da arquitecta, pero agora atopámonos con que nos din que non hai proxecto", lamentábase a presidenta da ANPA.

270 familias teñen escolarizados aos seus menores no CEIP Froebel e desde o ANPA alertan que se non reciben unha resposta por parte de Educación no prazo de dúas semanas, as familias adoptarán medidas de presión.