A candidatura do PSdeG-PSOE pasou este venres por Vilaboa, onde mantivo un encontro co alcalde, Francisco Costa, e concelleiros e membros da Agrupación local, entre os que estaba a ex-conselleira e, en breve, concelleira vilaboense, Mucha Gallego. A representación da candidatura estivo encabezada polo secretario xeral provincial, David Regades.
Durante a visita analizouse polo miúdo a situación da Dependencia e moi directamente o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar, que está a converterse nunha pesada lousa económica para os pequenos municipios, a pesar de que trátase "dunha competencia exclusivísima", en palabras de Francisco Costa, da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
"A política social de Feijoo é inexistente máis alá do rótulo dunha Consellería", explicou Regades, "e vese na desatención ás Residencias de Maiores; no desinterese en construír Escolas Infantís, porque son os concellos e a Deputación os que as fan, e, finalmente, dun xeito moi palpable, no abandono de todo o que ten que ver coa dependencia".
MILITANTES VETERANOS
Tamén este venres no marco dunha xuntanza cos varios militantes veteranos do Partido Socialista para charlar sobre a situación das persoas maiores durante o confinamento e as propostas de Gonzalo Caballero en materia de atención á terceira idade, os candidatos do PSdeG á Xunta de Galicia Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro anunciaron a súa intención de "darlle a máxima prioridade á construción dunha nova residencia de xestión pública e coas condicións que merecen os nosos maiores na cidade de Pontevedra".
Tralo encontro, desenvolvido na terraza do Savoy Restobar (Praza da Ferrería), os socialistas instaron á cidadanía galega "a botar da Xunta a un Feijóo que se dedica a especular e a lucrarse coa vida dos nosos avós" e a apostar por "un novo modelo unificado de xestión de residencias, que facilite a integración dos maiores na vida social, con protocolos comúns de actuación e criterios de calidade laboral para os traballadores".
Os militantes veteranos que participaron na xuntanza foron: José Benito Gama, Margariña Valderrama, Meli Moldes, Manuel Loureiro, Julia Paredes, Margarita Castejón, Macuca Fernández, Ana Rodríguez e Margarita Rey.