Para o grupo municipal do PSOE en Pontevedra as declaracións do presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, sobre os presuntos riscos ambientais da fábrica de Lourizán, son "gravísimas e alarmantes". De aí que vaian a presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra.
Solicitan que se abra unha investigación por un suposto delito medioambiental e, a maiores, denuncian a Colmenares por un posible delito de ameazas, despois de que Ence supeditara as súas inversións na fábrica "a que as leis se redactan ao seu antollo", segundo os socialistas.
"Esta empresa, como todas, ten a obrigación legal de realizar os investimentos que sexan necesarios para previr eses perigos medioambientais dos que o seu presidente fala no vídeo", asegura Tino Fernández, que considera "lamentable" que a compañía pasteira "use a saúde das persoas como coacción ou moeda de cambio".
Para o avogado Pedro Hermida, que redactou o escrito que o PSOE presentará o luns nos xulgados da Parda, considera que das declaracións do presidente de Ence "se extrae dun xeito palmario que é perfectamente consciente de que a fábrica está a incumprir a normativa e que, por iso, existe un risco de dano medioambiental e para as persoas, actual, razoable e certo".
O letrado asegura que, aínda coñecendo este risco e dos certificados de calidade que poida ter Ence, "o certo é que, segundo o seu propio convencemento, hai un risco na planta de Pontevedra", polo que non cumpriría o disposto na lei de responsabilidade medioambiental.
Na denuncia que o PSOE presentará ante a Fiscalía incídese ademais que os problemas na caldeira de recuperación son "avarías recorrentes" que fan que o proceso de caustificación desta instalación sexa "inestable" e non estea "debidamente controlado".
"Non cabe outra interpretación cabal que considerar que o presidente de Ence posúe información non compartida debidamente nin coas administracións competentes nin cos accionistas en relación ao funcionamento deficiente, inaxeitado e, cando menos, potencialmente perigoso da mencionada caldeira", argumenta o letrado Pedro Hermida.
Con respecto ao delito de ameazas, a denuncia recolle que estas declaracións están "divulgadas deliberadamente" no marco dun contexto no que Ence busca prolongar o seu período de actividade en Pontevedra.
Entenden os socialistas que Ignacio de Colmenares "ameaza con prolongar a situación de incumprimento da normativa que lles obriga a executar os investimentos necesarios (...) ata que se garanta polas administracións a pervivencia de Ence no seu actual emprazamento" coa modificación do artigo 18.4 da lei de cambio climático que está en tramitación.
Por todo iso, o PSOE insta ao ministerio fiscal a practicar as dilixencias de investigación precisas para a comprobación dos feitos, formulando querela no caso de desprenderse de dita investigación a comisión dun ou varios delitos, e a que, incoado o oportuno procedemento penal, se cite ao grupo municipal socialista como parte a fin de ratificar ou ampliar a denuncia.