Ainhoa Fervenza, representante local do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, lanzou críticas contra Telmo Martín, alcalde da vila, pola promesa incumprida de reservar unha partida de dous millóns de euros para axudas sociais e económicas que permitisen facer fronte á crise derivada da covid-19.
Desde as filas socialistas sinalan que, en marzo, Telmo Martín anunciou que se conxelaban varias partidas do orzamento en materia de investimento coa intención de guardalas para axudar ás persoas máis afectadas pola crise.
Fervenza asegura que oito meses máis tarde desa promesa non se realizaron iniciativas para paliar a situación económica que afecta a diferentes sectores e grupos de poboación.
Por este motivo, desde o PSOE reclaman accións concretas. "Cales son as subvencións das que falou Telmo en marzo?, onde están as bases? Quen as recibiu?", pregúntase a concelleira da oposición.
Lembra que tanto o comercio, como as empresas, autónomos e a xente de a pé de Sanxenxo sofre os efectos económicos derivados da situación de emerxencia sanitaria e desde o goberno local non levou a cabo un plan de axudas reais e rápidas que axuden á cidadanía da vila turística.
"A estratexia de quedar caladiño sen mencionar o tema para ver se nos esquecemos non lle funcionou porque a xente de Sanxenxo ten o feo costume de comer todos os días", ironiza Ainhoa Fervenza aludindo a que Telmo Martín ten que aforrar para pagar a "minuta da familia Rocafort" despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminase que o Concello de Sanxenxo debe pagar 9,9 millóns de euros pola parcela das Cunchas.