A abstención pola que, de forma maioritaria, apostaron os deputados do PSOE na sesión de investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, segue coleando. É un dos motivos polos que o PSOE de Pontevedra volve reclamar a convocatoria "urxente" dun congreso extraordinario e de primarias a nivel nacional.
Así o acordou por unanimidade a comisión executiva municipal, reunida este mércores en Pontevedra.
Previamente a ese congreso, os socialistas pontevedreses esixen que a xestora que dirixe actualmente Ferraz convoque un proceso de primarias para que as bases do PSOE poidan elixir o substituto de Pedro Sánchez á fronte do partido.
Aseguran tomar esta decisión tras os "graves" acontecementos vividos no seo do PSOE o pasado mes de outubro e que desembocaron na dimisión de Sánchez como secretario xeral e no nomeamento dunha xestora para dirixir o partido.
Nesta resolución lamentan tamén a orde "transmitida" pola xestora aos deputados do PSOE no Congreso para cambiar o non á investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno pola abstención que defenderon os socialistas na Cámara Baixa.
Con esta decisión, o PSOE de Pontevedra volve aliñarse coas teses defendidas por Pedro Sánchez e distánciase da outra gran agrupación da provincia, a de Vigo, próxima á xestora de Ferraz e enfrontada ao ex secretario xeral dos socialistas.