O PSOE critica a "parálise, erros e escándalos" do goberno do PP na Deputación

Pontevedra
03 de xaneiro 2024

O grupo socialista na Deputación de Pontevedra fixo balance do ano que vén de rematar constatando que o cambio de goberno na Administración provincial deu paso a un segundo semestre "marcado pola parálise total e a unha sucesión de erros e escándalos nos que o novo Goberno provincial do PP foi tropezando, ao sorprendente ritmo de ata tres ao mes"

Grupo provincial do PSOE na Deputación PSOE

O grupo socialista na Deputación de Pontevedra fixo balance do ano que vén de rematar constatando que o cambio de goberno na Administración provincial deu paso a un segundo semestre "marcado pola parálise total e a unha sucesión de erros e escándalos nos que o novo Goberno provincial do PP foi tropezando, ao sorprendente ritmo de ata tres ao mes".

O PSdeG-PSOE destaca que a Deputación está hoxe encabezada por un presidente, Luis López, "apoucado" e que "segue arrastrando a lousa de ter chegado á Presidencia tras facer dimitir a 16 concelleiros da lista municipal de Rodeiro". 

Para os deputados socialistas "o peor" do presidente provincial "é que "non manda, dado que o Goberno provincial exércese con mando a distancia dende a Xunta de Galicia".

Para o grupo socialista a Deputación deste 2024 é unha Administración "tricéfala", con tres gabinetes distintos "para maior gloria da vicepresidenta de Vigo, Marta Tapias, o vicepresidente de Pontevedra, Rafael Domínguez, e o presidente do resto da provincia, Luis López". 

O PSOE fixo un listado de ata quince "meteduras de pata" do goberno provincial, "que marcan un comezo de mandato mediocre e para esquecer". No listado citan o reparto de dedicacións exclusivas, a fabicación dun "informe falso" sobre a situación económica da Deputación, as "purgas" nas xefaturas dos servizos e a "instauración dun clima de caza de bruxas entre o persoal", os "apagóns" no portal de transparencia, o "pasteleo" coas entradas do partido de fútbol da selección en Pasarón, entre outras denuncias que fai o PSOE.