Tino Fernández, portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE, considera un "insulto á intelixencia" as últimas declaracións do portavoz do goberno local, Raimundo González, sobre o novo contrato do servizo de abastecemento de auga para Pontevedra.
Sinala que se están filtrando aspectos dun expediente ao que non tiveron accesos os concelleiros da oposición e lamenta a falta de transparencia. Ademais o representante socialista reclama do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que explique a súa "conversión" ao modelo privatizador e sinala que o BNG no seu Programa Marco Electoral realizaba unha mención expresa a remunicipalizar os servizos privatizados.
Por este motivo, reclama ao goberno local unha explicación sobre os motivos que levan a manter a auga privatizada. Pide informes nos que quede constancia de que a prestación se vai a realizar mellor ou dun modo máis económico por unha empresa privada que se o realiza directamente o Concello.
Os socialistas critican tamén o modelo do BNG para completar o saneamento no Rural. E Fernández engade que o goberno local está a enganar aos cidadáns xa que o custo das obras vaise cargar no peto dos contribuíntes porque "a cantidade que invista a empresa non será a fondo perdido senón que teremos que devolvela con intereses nas facturas da subministración".
"O alcalde é un choio para a Xunta", afirma Tino Fernández, alegando que Lores debe explicar a que pacto chegou co presidente autonómico para perdoarlle a firma do convenio para o saneamento comprometido por Núñez Feijóo.
E entende que se está facilitando un "pelotazo" ao partir dun investimento mínimo para a empresa adxudicataria que é inferior á que se conseguiu en 1997, que se situaba en 15 millóns de euros. Para Fernández o tema é máis grave se se aplica o IPC acumulado durante estes 20 anos segundo o INE 55%. Por este motivo entende que a cantidade de partida debería atoparse por encima dos 20 millóns de euros. Por último, pregúntase quen se beneficia desta adxudicación porque entende que os cidadáns non o farán.