O PSdeG-PSOE non descarta xudicializar a reforma de Pasarón

Pontevedra
16 de xaneiro 2014

O PSdeG-PSOE de Pontevedra realizou unha análise inicial do expediente das obras de fútbol de Pasarón ás que tivo acceso por orde xudicial e chegou á conclusión de que "aquí hai unha forma de xestionar, polo menos, alegal"

Estadio de fútbol de Pasarón Mónica Patxot

O PSdeG-PSOE de Pontevedra realizou unha análise inicial do expediente das obras de fútbol de Pasarón ás que tivo acceso por orde xudicial e chegou á conclusión de que "aquí hai unha forma de xestionar, polo menos, alegal", de modo que non descarta xudicializar a xestión da actuación.

"Se os nosos técnicos consideran que é un elemento que debe coñecer a Fiscalía ou levar a outros cauces así o faremos", sinalou o secretario provincial dos socialistas, Santos Héctor, ao tempo que deu a coñecer detalles dun informe do Consello Consultivo de Galicia sobre o proxecto complementario á reforma de Pasarón que aprobou a Deputación de Pontevedra.

O documento, que xa se deu a coñecer parcialmente á prensa no ano 2008, cuestiona que o organismo provincial aprobara unha modificación do proxecto inicial e permitira un sobrecusto de 5,7 millóns de euros tan só un ano máis tarde da adxudicación da obra.

Santos Héctor sinalou que os socialistas pontevedreses están "perplexos polo sistema de traballo e contratación das obras" da Deputación Provincial e, en concreto, polo sobrecusto de Pasarón, en cuxa xestión detectan "cousas de auténtico escándalo".

A obra foi adxudicada á empresa Oreco por 7,2 millóns de euros en xuño do ano 2006 e "en apenas un ano" foi necesario facer un proxecto complementario para ampliar a cuberta e retirar un transformador que derivou nunha modificación de crédito que incrementou o prezo da obra en 5,7 millóns de euros.

"En menos dun ano soben dunha andanada a 12,9 millóns de euros, máis do 80% do prezo adxudicado", denunciou Santos Héctor. Esta cifra xa se coñecía, pero este xoves achegou datos como que "entre outras partidas as obras complementarios pasaron de 0 a 600.000 euros".

O informe do Consello Consultivo, que non é vinculante, emitiuse en febreiro do ano 2008, pero previamente o interventor da Deputación xa cuestionara esta modificación do proxecto por, entre outros motivos, ocultar fallos de previsión do orixinal.