O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento a última vertedura da depuradora dos Praceres

Pontevedra
12 de febreiro 2015

A última vertedura da depuradora de Praceres chegará ao Parlamento galego. O PSdeG-PSOE ven de presentar unha serie de iniciativas para que a Xunta de Galicia explique que foi o que ocorreu nese episodio, que xerou un profundo malestar nas mariscadoras de Lourizán

A Garda Civil observa o lugar onde as mariscadoras detectaron a vertedura Mónica Patxot

A última vertedura da depuradora de Praceres chegará ao Parlamento galego. O PSdeG-PSOE ven de presentar unha serie de iniciativas para que a Xunta de Galicia explique que foi o que ocorreu nese episodio, que xerou un profundo malestar nas mariscadoras de Lourizán. Tanto que mesmo podería rematar nos xulgados, segundo avanzaron membros deste colectivo profesional.

As mariscadoras da confraría de Lourizán concentráronse nas portas da depuradora dos Praceres este martes e paralizaron a súa actividade pola existencia dunha vertedura na zona de marisqueo, un fluído procedente da depuradora. Procedían dunha serie de traballos que tiña previsto realizar Augas de Galicia, segundo transcendeu, para levar a cabo unha serie de arranxos no emisario submarino da EDAR.

Patricia Vilán lembra que malia que Augas de Galicia comunicara a súa intención de reparar estas deficiencias mediante verteduras controladas en días sen marisqueo nin baixamar, a realidade é que o fixeron "cando as mariscadoras estaban trasladando a semente, sen agardar á preamar e sen ningún aviso previo".

De aí que o PSdeG-PSOE queira saber que ten que dicir o Goberno galego sobre a existencia dun vertido na zona de marisqueo de Lourizán procedente da depuradora dos Praceres, da que os socialistas denunciaron en varias ocasións que non dá abasto, que non funciona ben e que non ten superado os requisitos mínimos de depuración nos parámetros mencionados e regulados pola normativa sectorial aplicable.

Ademais, Patricia Vilán pregunta sobre os detalles dos traballos que ía realizar Augas de Galicia e as súas condicións ou se ten ordenado o Goberno máis vertidos nesta zona, controlados ou non. Tamén reclaman da Xunta unha resposta sobre as condicións da EDAR dos Praceres e insta aos responsables nesta materia a que completen, antes de que remate o ano 2015, o saneamento integral da ría, aportando as solucións para a depuración dos concellos que verten nela.

Arquivado en