O PSdeG esixe explicacións á Xunta pola "adxudicación irregular" dos Baños de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
12 de maio 2020

Paloma Castro, secretaria de Xustiza do PSdeG, destaca o apoio a estas obras, pero recorda que "por riba de todo está a legalidade" e que a Xunta "non pode saltala"

Obras de rehabilitación dos Baños do San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

A secretaria de Xustiza do PSdeG, Paloma Castro, esixiu este martes "explicacións" á Xunta pola "adxudicación absolutamente irregular" dos Baños de San Xusto ao Concello de Cerdedo-Cotobade como así fai constar o propio Defensor do Pobo no seu informe.

"É tan contundente que lles debería caer a cara de vergoña. Foi tan irregular que resulta escandaloso ata para o nivel ao que nos ten acostumados o PP", destacou a dirixente socialista pontevedresa, quen reclamou ao goberno de Feijóo que "explique e aclare a falla de transparencia" na tramitación.

"Por que se fixo unha adxudicación directa, sen dar a outros concellos posibilidades de acceder a esta subvención? Por que o convenio non figura no rexistro un ano despois da súa firma? Por que non aparece no DOG nin o beneficiario da subvención, nin o texto do convenio nin a memoria de actividades?", inquiriu.

"Dende o PSdeG sempre estivemos a favor destas obras, en liña cos compañeiros socialistas en Cerdedo-Cotobade", asegurou Paloma Castro, consciente de que son "beneficiosas", pero deixou claro que "a legalidade está por riba de todo".

"Feijóo ten que aclarar o procedemento", finalizou.