O programa municipal A Vida é Movernos retoma a súa actividade con obradoiros de iniciación ao 'breaking'

Pontevedra
07 de setembro 2021

Os obradoiros serán impartidos polo club deportivo Da Rúa e desenvolveranse na avenida de Montero Ríos os días 14, 16 e 19 de setembro, en horario de 19:00 a 21:00 horas 

Presentación dos obradoiros de breaking do programa municipal A Vida é Movernos Mónica Patxot

A Avenida Montero Ríos, xunto ao palco de música da Alameda, encheranse de 'break dance' durante os días 14, 16 e 19 de setembro.

Será grazas a uns obradoiros impartidos polo club deportivo Dá Rúa e que servirán para a volta á actividade do programa municipal A Vida é Movernos promovido pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde.

"Para participar nestas aulas de Iniciación ao Breaking, destinadas a un máximo de 12 persoas, será preciso inscribirse previamente chamando ao teléfono 619 74 80 28 en horario de mañá", explicou o edil de Deportes, Tino Fernández, sobre uns cursos que se desenvolverán entre as 19.00 e as 21.00 horas.

"Deportes como o breaking, o skate ou o parkour están xa perfectamente consolidados e en auxe na nosa sociedade como actividades físicodeportivas, polo que as institucións temos o deber de actualizarnos e apoiar a súa difusión e posta en valor", defendeu Fernández sobre unha modalidade que estará presente no programa olímpico de París 2024.

As sesións incluirán uns 15 ou 20 minutos de quecemento, unha introdución á historia xeral do break e a cultura urbana, unha explicación de conceptos corporais e partes básicas do breaking e no caso de darse a oportunidade, unha mini coreografía grupal. Todo eles sobre unha superficie de tarima para evitar rozamentos ou queimaduras,

Alberto Pérez, membro do club pontevedrés, explicou á súa vez na presentación desta actividade que será aberta a todo o mundo, independentemente da súa idade. "Aquí pode bailar calquera, non son necesarios coñecementos previos de ningún tipo, comézase de cero", asegurou.