O programa de inclusión social 'Nelson Mandela' esténdese ao cárcere da Lama

A Lama
18 de xullo 2019

Facilitar o regreso dos presidiarios á vida en liberdade a través de itinerarios individualizados de inserción laboral. É o obxectivo do programa de inclusión social 'Nelson Mandela'. Funciona desde hai dez anos no cárcere coruñés de Teixeiro e, a partir de agora, estenderase á prisión da Lama

Sinatura do convenio entre Institucións Penitenciarias e a Xunta de Galicia Delegación do Goberno en Galicia

Facilitar o regreso dos presidiarios á vida en liberdade a través de itinerarios individualizados de inserción laboral. É o obxectivo do programa de inclusión social 'Nelson Mandela'. Funciona desde hai dez anos no cárcere coruñés de Teixeiro e, a partir de agora, estenderase á prisión da Lama.

Estes itinerarios están adaptados ás necesidades de cada participante, tanto de preparación técnica como persoal, combinando formación e integración laboral. O programa trata de que estas persoas amplíen as súas competencias e melloren as súas habilidades persoais e profesionais que lles axuden no seu camiño cara á plena inclusión na sociedade.

A incorporación do centro penitenciario da Lama ao programa 'Nelson Mandela' supoñerá a posta en marcha dun novo equipo de inclusión social, formado por dous profesionais e un asesor técnico.

O convenio que permite poñer en marcha este programa foi asinado este xoves polo secretario xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luís Ortiz, e a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García.

Ángel Luís Ortiz destacou que a tarefa de lograr a inserción das persoas condenadas a penas de cárcere "nos corresponde a todos", xa que aínda que a administración penal debe exercer "liderado e responsabilidade", a inserción plena na sociedade "só se logrará coa participación e implicación de todos os axentes sociais".

A conselleira Fabiola García destacou, pola súa banda, que Galicia é "pioneira" coa creación hai dez anos deste programa no cárcere de Teixeiro, que na actualidade é un "referente" en España e en Europa. 

O programa 'Nelson Mandela' forma parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, deseñada e financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Máis de 1.500 internos foron, ata agora, os beneficiarios deste programa.