O prestixioso arquitecto Jan Gehl dará o último seminario da Facultade Ágora

Pontevedra
27 de outubro 2021

Gehl e o seu equipo de 50 arquitectos colaborou en proxectos para as cidades de Copenhague, Londres, Melbourne, Sídney, Shanghái, Riga, Amman, Moscova ou Nova York onde foi o artífice de desafíos como peonalizar Broadway

Jan Gehl, arquitecto e urbanista danés Gene Driskell

O responsable de Mobilidade na Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, anunciou este mércores a que o arquitecto e urbanista danés Jan Gehl impartirá presencialmente o último seminario da denominada Facultade Ágora, a iniciativa de formación destinada a persoal político e técnico da provincia para ampliar coñecementos sobre como recuperar espazo público e crear cidades e vilas amables para aumentar a calidade de vida da cidadanía da provincia.

Jan Gehl é toda unha estrela da arquitectura mundial, formado en arquitectura na Real Academia de Belas Artes de Dinamarca, é profesor de planificación urbana na mesma institución. Na súa prestixiosa carreira impulsou o modelo de cidade a escala humana, centrándose na persoa como "unidade de medida" no deseño urbano. Defende a mellora de calidade da vida urbana baseada na recuperación da peonalización e o uso da bicicleta, outorgando especial importancia ao espazo público.

Gehl e o seu equipo de 50 arquitectos colaborou en proxectos para as cidades de Copenhague, Londres, Melbourne, Sídney, Shanghái, Riga, Amman, Moscova ou Nova York onde foi o artífice de desafíos como peonalizar Broadway.

Autor de máis de 30 libros que defenden a reconquista cidadá das rúas Jan Gehl é ademais membro honorario dos institutos de arquitectos de Dinamarca, Inglaterra, Escocia, Estados Unidos e Canadá, foi galardoado co Premio Sir Patrick Abercrombie polas súas "contribucións exemplares na planificación urbana" pola Unión Internacional de Arquitectos e foi recoñecido co título honorífico de doutor honoris causa polas universidades de Edimburgo, Heriot-Watt, Varna e Toronto.

A súa ponencia será o próximo 12 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra e estará aberta a toda a ciudadanía que poderá reservar a súa butaca no portal web agora.depo.gal

ZAIDA MUXI

Este xoves 28 de outubro a protagonista do oitavo seminario da  Facultade Ágora será  Zaida  Muxí Martínez é arquitecta e urbanista licenciada na Facultade de Arquitectura, Deseño e Urbanismo, doutora pola ETSA de Sevilla e profesora na de Barcelona. É codirectora xunto a Josep Maria Montaner do Máster Laboratorio da Vivenda do Século XXI da Universidade Politécnica de Cataluña. Colabora no suplemento Culturas da Vangarda e é coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero. 

Defende que "as cidades teñen xénero e é masculino", xa que na súa meirande parte foron deseñadas "por responsables masculinos" e para cubrir necesidades de homes e roles de productividade, deixando a un lado cuestións relativas aos roles de coidados que sustentan ás mulleres, para os que aspectos como a iluminación e a accesibilidade son fundamentais.

ASEMBLEA

Uxío Benítez tamén anunciou que o próximo 3 de novembro no Edifico Castelao do Museo de Pontevedra celebrarase unha asemblea de todos os  concellos participantes na Rede Ágora para "reflexionar" sobre este proxecto "valorar o feito e solicitar ideas e inquietudes e poder plasmalas en novas iniciativas".