O presidente dos autónomos defende ante Lores a continuidade de ENCE: "Ten uns obreros e hai que defendelos"

Pontevedra
14 de outubro 2015

A polémica sobre a continuidade da empresa na Ría de Pontevedra coouse este mércores na visita protocolaria realizada polo alcalde á sede da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) na cidade, a primeira realizada polo rexedor na historia do colectivo

Visita protocolaria de Lores e Anabel Gulías á sede da asociación de autónomos APE Mónica Patxot

A polémica sobre a continuidade da empresa Ence na Ría de Pontevedra, reaberta nos últimos meses, coouse este mércores na visita protocolaria realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, á sede da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) na cidade, a primeira realizada polo rexedor na historia do colectivo. O seu presidente, José Ramón Caldas, deu o apoio explícito á permanencia da fábrica en Lourizán a pesar de que o facía diante do alcalde, cunha coñecida postura contraria á consolidación. 

"Eu, como empresario, non estou en contra de Ence. Ence ten uns obreiros e hai que defendelos", mantivo Caldas, que non quixo "meterse" na localización da factoría ou "se está ben ou está mal", pero si dá o seu apoio a que "é un colectivo empresarial e ten que continuar aquí". 

O presidente dos autónomos realizou estas declaracións a preguntas da prensa a pesar de que Lores tentou meter a cuña e interpretar que "é partidario do traslado para outro sitio, pero que manteña a actividade". Non lle 'comprou' a idea ao alcalde e respondeulle que  "mandar non se pode mandar tampouco, alcalde", pois, na súa opinión,"mentres non haxa onde colocala, se somos empresarios, non se pode mover". 

Caldas asegurou que falaba persoalmente e non como presidente dos autónomos e non se deixou convencer por Lores a pesar de que este tentou levalo á súa opinión coa pregunta: "A ti regaláronche un terreo para poñer a túa empresa? Porque hai xente á que hai que regalarlle o terreo e regalarlle a auga e todo...". 

A discrepancia de opinións neste punto non restou mérito á reunión, que simboliza que o alcalde e APE enterran o machada de guerra. José Ramón Caldas recriminara en febreiro ao alcalde que nunca o recibiu desde que preside a asociación a pesar de que pedía unha reunión dúas veces ao ano, pero Lores fixo os deberes, xa o recibiu no seu despacho do Concello e este mércores visitou a sede da asociación na praza de España.  

Lores recoñeceu que "tiven un pouco de lado aos autónomos como alcalde", pero tamén asegurou que esas discrepancias son xa "auga pasada". Explicou que non recibira ao presidente de APE porque tiña "unha certa dispersión" coa existencia de varias asociacións de autónomos e porque o BNG non tiña a competencia directa en materia de promoción económica, que correspondía ao seu socio de goberno no último mandato, o PSdeG-PSOE. Detrás da reconcilición parece estar, entre outras cousas, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías.