O presidente de Zona Franca ofrécese a participar na mesa sobre Ence e afirma que "non pode seguir na Ría de Pontevedra"

Pontevedra
24 de marzo 2021

David Regades ofreceu a súa colaboración para crear unha mesa de negociación sobre o futuro de Ence e a súa recolocación na comarca de Pontevedra, á vez que criticaba a pasividade da Xunta por non aproveitar os fondos europeos de recuperación económica para a reindustrialización que poderían ser clave para xestionar o traslado da fábrica de Lourizán

Encontro do Grupo Municipal do PSOE co presidente do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades Mónica Patxot

O Consorcio Zona Franca de Vigo porá en marcha un Plan Estratéxico sobre Pontevedra e a súa comarca a partir dun estudo sobre as súas fortalezas e necesidades económicas e industriais "na procura de solucións para as empresas e para o emprego, co obxectivo de que Pontevedra saia desta crise reforzada e cun horizonte claro para tomar decisións fundamentais para o seu futuro", explicaba o presidente de Zona Franca, David Regades.

Este anuncio producíase trala reunión de traballo que mantivo o presidente de Zona Franca cos membros do Grupo Municipal do PSOE no Concello de Pontevedra: os concelleiros Tino Fernández, Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey.

Neste contexto, David Regades ofreceu a súa colaboración para crear unha mesa sobre o futuro de Ence e a súa recolocación. "Unha clave témola decidida, que Ence non pode seguir na Ría de Pontevedra pero si ten que seguir na comarca de Pontevedra", afirmaba o delegado do Goberno na Zona Franca á vez que engadía que "hai que buscar unha ubicación para que non só se manteña o emprego, senón que ten que ser unha fábrica moderna, innovadora e que deixe máis valor engadido na cidade de Pontevedra e na comarca".

O presidente da Zona Franca criticou a pasividade da Xunta de Galicia ao non presentar un programa de actuación claro con respecto a Ence. Neste sentido, non entende que o Goberno autonómico deixe pasar a oportunidade histórica de beneficiarse dos "fondos de recuperación económica" para a reindustrialización que vai outorgar a Unión Europea para paliar as consecuencias da pandemia na actividade económica e que poderían ser clave para xestionar o traslado da fábrica de Lourizán.

Nesta mesma liña manifestábase o voceiro do Grupo Municipal do PSOE e tenente de alcalde, Tino Fernández, ao indicar que "é unha mágoa que dende a Xunta de Galicia non se teña pensado en Ence á hora de presentar eses proxectos" para captar fondos europeos.

"Nós reclamamos á Xunta que deixe de poñerse de perfil, que deixe de facer críticas e que asuma que ten as competencias en materia de Política Industrial e en Política Medioambiental, que aporte solucións, que plantexe ideas, que sente a negociar cando sexa convocada con boa vontade, non coa de boicotear nin sabotear, senón coa de asumir que estamos ante un problema que afecta a moitos traballadores e traballadoras e ao que lle temos que buscar unha solución", expoñía o voceiro do Grupo Municipal socialista.

Tino Fernández agradecía a disposición do presidente do Consorcio Zona Franca de Vigo a colaborar na mesa de negociación ao tempo que pedía o mesmo compromiso por parte da empresa e o Goberno galego. "Dende o Concello de Pontevedra, dende a Administración do Estado e dende Zona Franca estamos abertos a esa negociación con toda honestidade e con toda a boa vontade. Esperemos que dende a empresa e dende a Xunta estean nesa mesma liña", apuntaba Tino Fernández ao tempo que lembraba que a mesa de negociación fora unha proposta dos socialistas pontevedreses que "ninguén cría nela" e na actualidade "tras dous anos e medio perdidos, recoñécese que é a mellor solución".