O presidente da Deputación, Luis López, mantivo este martes unha reunión de traballo co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, dentro da rolda de sesións que o presidente provincial está a manter cos alcaldes para supervisar proxectos a desenvolver en cada municipio amparados pola Deputación.
Unha das actuacións conxuntas é a construción dunha senda peonil entre Portas e Romai, cuxo proxecto está en fase de redacción. Trátase dunha senda, anexa á estrada que mellorará a seguridade viaria. Discorrerá ao longo de case tres quilómetros e medio e conleva un investimento que rolda 1,3 millóns de euros.
Estas administracións tamén colaboran no saneamento en Outeiro, a rehabilitación enerxética da antiga casa do concello, a reparación da pista polideportiva da Rapeira ou a dotación dunha minicargadora e unha varredora industrial. Todo iso contará con achegas económicas de diversos plans provinciais e que alcanzan un montante económico que supera os 800.000 euros.