O premio para o escaparate máis bonito do Nadal pontevedrés é para... restaurante Casa Verdún​

Pontevedra
08 de xaneiro 2022

O restaurante obtivo un galardón económico de 1.500 euros que será doado en parte aos colectivos Os Palleiros e Difusión Felina. O segundo premio recaeu na decoración realizada pola tenda de artes decorativas índigo, que doará integramente os 1.000 euros que recibirá aos mesmos colectivos

Escaparate do restaurante Casa Verdún​ Concello de Pontevedra

O restaurante Casa Verdún logrou o primeiro premio do Concurso de Escaparates de Nadal de Pontevedra e obtivo un galardón económico de 1.500 euros que será doado en parte aos colectivos Os Palleiros e Difusión Felina.

O segundo premio recaeu na decoración realizada pola tenda de artes decorativas índigo, que doará integramente os 1.000 euros que recibirá tamén a Os Palleiros e Difusión Felina (ao 50%), e o terceiro, de 500 euros, no da boutique Delirious.

O concurso impulsárono a Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers e os establecementos foron elixidos cos seus votos pola cidadanía de entre os dez finalistas previamente seleccionados entre os 76 negocios participantes. 

O xurado estivo composto por un grupo de 22 alumnos e alumnas do módulo de Escaparatismo do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais e outro de catro estudantes do Ciclo Superior de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES Luis Seoane de Monte Porreiro, capitaneados pola profesora titora Iria Morgade; Carmen Hermo, artista e docente da Universidade de Vigo; o escritor e presentador Manel Loureiro; a escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias Calvete; e Luz Gómez Señoráns, técnica de Distrito Forestal.

Entre os finalistas tamén se atopaban Delicious Bakery, Novo Rumbo, Millán + Martínez Oftalmoloxía, Sunset, Granero Delmas Coworking, Aromara e Conchi Giraut.

O Concurso de Escaparates de Nadal tamén incluíu o sorteo de dez vales por valor de 50 euros entre as persoas que participaron nas votacións. Os nomes dos agraciados son Brais Ledo Mallo (voto Casa Verdún), Ángel Martínez Pérez (Casa Verdún), Irena Pontevedra Maroño (Milán + Martínez), Ángeles Martínez Martínez (Aromara), María Jalca (Aromara), Juan Iglesias (Casa Verdún), Sandra Sartier (Delirious), Adriana Rodríguez (Sunset), Iria R (índigo) e Susana Yelamos Fontana (Aromara).