Como dicía Rafael Louzán no seu discurso, os resultados do PPdeG na provincia de Pontevedra son fantásticos. Foi o partido máis votado en 60 dos 62 concellos pontevedreses. O PSdeG-PSOE impúxose na Illa de Arousa e en Fornelos de Montes. Pero neste último concello, por tan só sete votos.
No cómputo global, o PPdeG obtivo un total de 207.331 votos, un 42,67% (265.222 e un 46,89% en 2009). O PSdeG-PSOE pasou os 100.000 votos. Obtivo 100.903, un 20,76%, (172.616 votos e un 30,52% en 2009).
Como no resto de Galicia, Alternativa Galega de Esquerdas mellorou os datos do BNG. Ambos empataron a número de deputados, tres, pero a formación liderada por Beiras obtivo en Pontevedra 70.434 votos, un 14.49%, fronte aos 58.017 votos, un 11,94%, do BNG (95.827 votos e 16,94%). Polo demais, sorprende que Sociedade Civil e Democracia, o partido de Mario Conde, mellore os datos de UPyD e de Compromiso por Galicia.
Para ver os datos completos da provincia de Pontevedra, prema aquí.
Na cidade de Pontevedra, repítese ese mesmo esquema. O PPdeG obtivo 15.851 votos, un 38,33% (20.566 e un 44,94% no 2009). Pero entre o PSdeG-PSOE e o BNG só houbo 58 votos de diferenza en favor dos socialistas. Finalmente, o PSdeG-PSOE mantivo a segunda praza ao conseguir 7.770 votos, o 18,78%, (14.170 votos e o 30,96% no 2009), fronte aos 7.712 votos e o 18,64% do BNG (7.623 votos e 16,66% no 2009). Aínda así, é o mellor resultado para os nacionalistas nas grandes cidades. No resto, en ningunha delas logrou superar o 10% dos votos.
AGE foi a cuarta forza con 5.440 votos e o 13,15%. A diferenza da provincia, UPyD si conseguiu superar ao partido de Mario Conde e foi quinta. O maior fracaso foi o de Compromiso por Galicia. Foi superado por Escanos en Branco e polo Partido Contra o Matrato Animal.
Para ver os datos completos da cidade de Pontevedra, prema aquí.