O PP tacha de insuficiente e partidista o plan da Deputación para reactivar a provincia

Pontevedra
03 de xuño 2021
Actualizado: 19:13

O portavoz da oposición, Jorge Cubela, criticou este luns o plan ReacPon, que, ao seu parecer, está deseñado para repartir os fondos entre os concellos afíns ao goberno provincial

Jorge Cubela, voceiro do grupo provincial do PP, xunto ás deputadas Paz Lago e Carmen Amoedo Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular critica o novo plan de investimentos da Deputación de Pontevedra, ReacPon. Desde a oposición temen que o programa se empregue para repartir os fondos entre concellos gobernados por PSOE ou BNG e poñen como exemplo plans anteriores como Reequilibrio ou Deporemse, "que entre 2017 e 2018 repartiron 7 de cada 10 euros" entre concellos do mesma cor política que o goberno provincial.

Acompañado polas deputadas Paz Lago e Carmen Amoedo, o portavoz do grupo popular, Jorge Cubela, cualificou a iniciativa como "unha oportunidade perdida para todos os concellos. Un plan anticoncellos que deixa fóra a uns poucos".

Asegura o popular que baixo o criterio de proxecto maduro, a Deputación repartirá os 20 millóns de euros do plan de reactivación económica da provincia entre gobernos afíns. Na oposición consideran imposible redactar un proxecto que alcance a máxima puntuación no prazo de dous meses, que é o que prazo concedido pola Deputación. E engade que outros Concellos tiñan información sobre este plan de axudas e xa puideron adiantar traballo.

"Nin haberá cohesión territorial, nin loita contra o despoboamento nin igualdade, porque hai concellos que teñen a información desde decembro e xa adiantaron traballo para conseguir eses proxectos maduros, proxectos que xa teñen que estar aprobado polo órgano competente e mesmo publicada a licitación. Os concellos que a estas alturas non teñan os permisos sectoriais dificilmente van chegar", sostén o rexedor de Cerdedo-Cotobade.

Por iso, desde a oposición piden que a repartición de fondos se faga seguindo os mesmos criterios que o Plan Concellos, que cada municipio reciba unha cantidade fixa de diñeiro atendendo a criterios poboacionais e de extensión para financiar os proxectos que os gobernos locais decidan.

CARLOS FONT: "SON ACUSACIÓNS INFAMES DUNHA GRAVIDADE INSOPORTABLE"

Non tardou en responder o deputado provincial do Partido Socialista Carlos López Font a estas acusacións. O portavoz do grupo do PSdeG-PSOE afirma que "a Jorge Cubela só lle cabe retractarse publicamente das súas palabras e pedir desculpas, ou presentar as probas das infames acusacións que fixo e que son dunha gravidade insoportable".

Segundo indica, o Plan ReacPon é o programa de investimento público máis ambicioso da historia da Deputación cunha cifra de 20 millóns de euros que se destinará aos concellos da provincia.

Por este motivo, o portavoz socialista manifesta a súa indignación co grupo popular: "minten cun descaro que non se pode consentir, non todo vale, basta xa". Afirma que ninguén podía coñecer as bases do Plan con anterioridade ao pleno en que foron aprobadas e "Cubela sábeo", indica Font. Ademais, lémbralle que a primeiros de 2021 o goberno da Deputación informou en convocatoria de reunión pública con todos os municipios para que prepararan proxectos maduros para aspirar a fondos europeos.

Asegura que hai exemplos claros de concellos do PP que fixeron os deberes e xa expresaron publicamente os proxectos que queren presentar ao ReacPon. "Tamén estaban avisados?", pregunta Font.

Aproveitou para instar o presidente do PP na provincia e vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda a "cesar con este modelo político arribista e de cloaca, que xa practicaron co bipartito" para afirmar que a Xunta si realiza convocatorias a medida e concede subvencións a dedo aos concellos onde goberna o Partido Popular.