O PP solicita un Punto Lila contra a violencia machista durante a Feira Franca

Pontevedra
28 de agosto 2018

Dende as filas populares consideran que "este espazo debe ser visible para todas as persoas que participen da festa e mesmo contar con persoas especializadas que poidan socorrer ás posibles vítimas"

Feira Franca 2014 Paco Ovies

O grupo municipal do Partido Popular ven de solicitar a instalación dun Punto Lila durante a celebración da Feira Franca que conte con persoal especializado en violencia machista e que permita así denunciar posibles casos de agresión sexual, ademais de ofrecer asesoramento e axuda.

Dende as filas populares consideran que "este espazo debe ser visible para todas as persoas que participen da festa e mesmo contar con persoas especializadas que poidan socorrer ás posibles vítimas", sinalou este martes a concelleira popular, María José Rodríguez, así, ademais dos efectivos policiais "sería bo que profesionais en materia de violencia machista e igualdade estivesen no espazo establecido para poder ofrecer unha mellor atención".

Non descartan que a campaña posta en marcha polo Concello de Pontevedra durante as festas da Peregrina poida servir para dar a coñecer aos asistentes a existencia do Punto Lila, pero ademais entenden que "é preciso facer visible o espazo concreto", puntualizou a edil popular.

"Durante as festas deste mes de agosto, moitas persoas se preguntaban á razón pola que estaban abertas as portas da Casa Consistorial, é preciso indicar que aquí se atopa o punto de atención directa" e mesmo "podería sacarse o espazo á rúa para que sexa máis sinxelo recoñecelo", engadiu.

 

Arquivado en