O PP de Pontevedra acaba de solicitar formalmente que a futbolista pontevedresa Tere Abelleira sexa nomeada Filla Predilecta da cidade en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu recente logro como unha da xogadoras clave para o xogo de España no Campionato do Mundo que gañou a Selección Española o pasado domingo.
Desde o Partido Popular consideran que a xogadora do Real Madrid e da Selección Española de Fútbol "cumpre todos os requisitos que a fan merecedora desta distinción".
O concelleiro Guille Juncal xa realizou esta petición a través das súas redes sociais nos últimos días e, segundo confirmou a PontevedraViva, este mércores formalizouna no rexistro municipal.
Así, en nome do grupo municipal do PP, solicitou formalmente á Xunta de Goberno a que inicie os trámites para o nomeamento de Teresa Abelleira como Filla Predilecta de Pontevedra.
Este mércores, a concelleira do PP Pepa Pardo sumouse ás felicitacións a Tere Abelleira tras a vitoria do Campionato do Mundo de Fútbol e considerou "un orgullo enorme" que unha pontevedresa estivese neste logro do deporte español.
Sobre o nomeamento de Filla Predilecta de Pontevedra, sinalou que "apoiaremos calquera proposta en positivo que se faga sobre este tema". Lembrou tamén que Abelleira "sempre levou o nome de Pontevedra por bandeira" e considera que é preciso "que se lle faga un recoñecemento en toda regra".
Pepa Pardo destacou que este Mundial supón "un fito" que forma xa parte da "historia do fútbol feminino e da historia de España".