O PP retoma o 'recoñecemento' do rural pontevedrés tras o parón do confinamento

Pontevedra
22 de xullo 2020

O grupo municipal presenta no Rexistro do Concello unha serie de propostas que responden as demandas expostas por veciños das parroquias de Bora e Verducido

Visita do PP de Pontevedra ás parroquias de Bora e Verducido PP de Pontevedra

Tras o parón do confinamento motivado pola COVID19, o grupo municipal do PP en Pontevedra retomou esta semana o 'recoñecemento' das parroquias do rural que comezou en xaneiro. Bora e Verducido foron os núcleos visitados acompañados de veciños dos respectivos lugares.

Desde a formación do Partido Popular sinalan que: “se a experiencia do confinamento demostrou o importante do noso rural, cunha simple visita demóstrase o pouco atendido que está, o abandono ao que está sometido e o pouco que se acorda o BNG e o PSOE das nosas parroquias e dos seus veciños”.

Tras a incursión, o responsable de Rural na formación popular, Martín Martínez, presentou por Rexistro no Concello unha serie de propostas que recollen as demandas veciñais e que pasan polo arranxo e asfaltado de pistas, instalación de puntos de luz, reposición de mobiliario e rozas. A previsión é volver a Verducido e Bora nunhas semanas para que os veciños dispoñan tamén do escrito presentado e “manter unha revisión continua do cumprimento das peticións veciñais por parte do Concello de Pontevedra”.

Este percorrido polo rural pontevedrés terá continuidade coa intención de acudir a dúas parroquias por semana: "a presenza regular e insistente nas parroquias é fundamental para crear un vínculo próximo e directo para a posterior mellora da vida dos nosos veciños”, indican.