O PP reclama explicacións no pleno de Carmela Silva sobre a sentenza dos bolseiros da Deputación

Pontevedra
25 de xaneiro 2022

O deputado socialista, Carlos López Font respondeu que "o PP pretende cuestionar agora o seu Plan de Práctica Laboral cando pedía con mocións que non se cambiase porque era un tremendo éxito", algo que valorou como "un exercicio indecente de desmemoria"  

Pepa Pardo, Jorge Cubela e Alfonso Marnotes PP provincial

O grupo provincial do Partido Popular reclamou este martes a comparecencia no pleno provincial da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para que dea explicacións sobre a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a relación laboral de 38 bolseiros coa institución provincial e "que se depuren as responsabilidades políticas oportunas" ante "un grave caso de fraude laboral, fraude á Seguridade Social e engano á mocidade da provincia".

O deputado socialista, Carlos López Font respondeu que "o PP pretende cuestionar agora o seu Plan de Práctica Laboral cando pedía con mocións que non se cambiase porque era un tremendo éxito", algo que valorou como "un exercicio indecente de desmemoria".

O portavoz do grupo provincial, Jorge Cubela, que ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto aos deputados Pepa Pardo e Alfonso Marnotes, explicou que "como as explicacións non chegan por iniciativa propia" o PP reclama esta comparecencia da presidenta provincial para que aclare "as consecuencias da sentenza para a Deputación e que decisións vai tomar o equipo de Goberno respecto diso".

Nesta liña, subliñou Cubela que, á luz da sentenza, no Goberno provincial "non están acreditados para falar de formación nin emprego digno". "Cando Carmela Silva e o PSOE falan de emprego digno a que se refiren? Estamos a falar de algo moi grave, de fraude e de prácticas deplorables", declarou Cubela.

O PP afirma que na administración provincial "aproveitáronse de mozos e mozas que necesitaban formación e desenvolveron tarefas propias de traballadores da Deputación, de postos de funcionarios polos que non cotizaron". Ademais, criticou "a obstinación da presidenta" por recorrer en todas as instancias.

O portavoz popular ha insistido en que "é un caso moi grave de irregularidades laborais" e en que "o único que fixeron, a día de hoxe, foi botar as culpas ao PP, por unha inspección laboral que se fixo en 2018, cando eles gobernaban".

RESPOSTA DO GOBERNO PROVINCIAL

O deputado provincial Carlos Font saíu ao paso da "inaudita comparecencia" dos deputados populares e instou ao grupo do PP "para ter máis vergoña e máis memoria" para criticar ao actual goberno provincial polo extinto Plan de Práctica Laboral. 

Font cualificou de "irónico e case grotesco" que o mesmo grupo do PP que fai tres anos presentaba "mocións altisonantes" para "criticar á Deputación por querer cambiar o Plan de Louzán" a un modelo "máis garantista e de máis dereitos" sexa quen agora faga un "exercicio indecente de desmemoria" #ante a recente sentenza do Supremo.

Font lembrou a moción que o grupo popular levou ao pleno de xaneiro de 2019 "na que chegaban a cualificar o seu Plan de Práctica Laboral de tremendo éxito" e sinalou por iso que "si non se ruborizan con isto é que lles vale todo, é un insulto á intelixencia e unha falta de respecto á cidadanía que é máis lista e está máis preparada do que o PP cre".

Por último, Font convidou ao grupo do PP a que "traballe un pouco máis por esta provincia" e "deixe de buscar ‘ liortas’ utilizando para iso temas dos que son os únicos responsables".