O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, tilda de "magníficos" os resultados do seu partido nas eleccións municipais do pasado 26 de maio en Pontevedra e considera que "marcan o fin do ciclo" do actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e do BNG.
Rueda realizou estas valoracións este mércores antes da reunión da Xunta Directiva Provincial do PP, convocada para facer balance dos resultados electorais, e na que participou o presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
En Pontevedra capital, o PP que encabeza Rafa Domíguez subiu de sete a nove concelleiros con respecto a catro anos atrás e o BNG quedou con 11 das 25 actas, unha menos que nas anteriores municipais e lonxe da maioría absoluta que lle daban a maioría das enquisas.
Á vista dese resultado, Rueda destaca que é "aínda máis remarcable" si se ten en conta que os 'populares' se enfrontaban a un alcalde e un goberno "consolidados" desde o punto de vista electoral e das enquisas. A pesares diso, o PP "obtén un magnífico resultado".
A Xunta Directiva Provincial do PP analizou os resultados cos seus datos positivos e negativos. Para Rueda, esa parte positiva é que o seu partido foi a forza máis votada no 60 por cento dos concellos, ten o dobre de maiorías absolutas que o PSOE (22 fronte a 11) e 108 concelleiros máis (364 fronte a 256).
Ademais, na vertente máis positiva da análise, destacou que o PP subiu cinco puntos con respecto ás eleccións xerais do 28 de abril e obtivo resultados "meritorios" en municipios como Sanxenxo e Lalín. En Sanxenxo Telmo Martín xa gobernaba e pasou a facelo con maioría absoluta e en Lalín non tiñan a Alcaldía e lograron recuperala catro anos despois.
A maioría de Mos, o resultado "moi notable" de María Ramallo en Marín e o balance de municipios como A Estrada ou Redondela e doutros máis pequenos que consolidaron as súas maiorías absolutas completan a listaxe de aspectos positivos do balance.
No outro lado da balanza, o máis negativo, situou o sucedido en Vigo, onde quedaron con tan só catro concelleiros nunha Corporación na que o PSOE de Abel Caballero logrou 20 dos 27. En relación con este municipio, destacou que reaccionaron "sen perder tempo" e xa se adoptaron as primeiras medidas para reconstruír o partido tras a dimisión da alcaldable, Elena Muñoz.
A Xunta Directiva Provincial abordou a proposta de que Corina Porro encabece unha xestora que se encargará de facer a transición ata a celebración dun congreso. Tamén se encargará de recompoñer o grupo municipal de cara aos próximos catro anos.
Na vertente negativa tamén asumiu que o obxectivo do PP era recuperar a Deputación Provincial que en 2015 perderon a mans do bipartito entre o PSOE e o BNG e que non se logrou. Os 'populares' perderon un deputado, resultado que, en parte, considera que se explica á vista do sucedido en Vigo.