O PP propón ampliar o programa de Noites Abertas para sacar os menores do botellón

Pontevedra
16 de maio 2022

O grupo municipal do Partido Popular detectou que os venres e sábados que se celebra o programa Noites Abertas se reduce a afluencia de menores ao botellón e, polo tanto, vanse apoiar nesta idea para que a súa proposta no próximo Pleno Municipal do 26 de maio saia adiante

Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular Diana Eiras

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal presentaba este luns unha proposta sobre alternativas de lecer para a mocidade que defenderá no próximo Pleno Municipal do 26 de maio.

O grupo municipal do Partido Popular expoñerá a idea de ampliar o programa municipal de Noites Abertas durante máis meses ao ano, para que a mocidade poida ter diferentes opcións de lecer que substitúan ao botellón.

Guille Juncal recoñece que Noites Abertas é un programa exitoso pero necesita estenderse durante máis tempo. Neste sentido, propón aumentar a súa duración, de xeito que se celebre de febreiro a xullo e de outubro a decembro. Os días de realización das actividades manteríanse os venres e sábados.

Deste xeito, quedarían "libres" os meses de verán, que xa están cubertos polas actividades de Ponteverán, e o período de Nadal.

Juncal insiste en que non quere "criminalizar" aos mozos que acoden ao espazo para botellón habilitado no Recinto Feiral, tan só chamar a atención de que "a realidade é que en Pontevedra hai un botellón permitido pola Administración local ao que asisten menores de idade".

Neste sentido, o concelleiro do Partido Popular pregúntase se "todos estes menores que acoden ao botellón asistirían se tivesen unha actividade alternativa".

O grupo municipal do Partido Popular detectou que os venres e sábados que se celebra o programa Noites Abertas se reduce a afluencia de menores ao botellón e, polo tanto, vanse apoiar nesta idea para que a súa proposta no próximo Pleno Municipal do 26 de maio saia adiante.