"Ese goberno da xente, esqueceuse da xente de Pontevedra", considera a deputada do PP Ana Pastor. Esta valoración fíxoa este luns ao presentar as 100 emendas que o grupo popular redactou para os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2023 elaborado polo Goberno central.
Estas emendas son "as da sociedade civil de Pontevedra", asegura Pastor, que indica que, para elaboralas, falaron con alcaldes e concelleiros de toda a provincia para "trasladar a Madrid os proxectos e as necesidades reais da provincia".
Fronte a un proxecto orzamentario no que o deputado Javier Bas detecta "grandes carencias para Pontevedra", estas emendas propoñen proxectos por valor de 331 millóns de euros.
Pastor e Bas compareceron coa senadora Pilar Rojo, que fará seguimento no Senado da tramitación dos PGE, e tamén da alcaldesa de Marín, María Ramallo; os voceiros de Pontevedra e Vilaboa, Rafa Domínguez e Alberto Acuña, e a concelleira de Poio Rocío Cochón.
Esas emendas xa presentadas por rexistro piden para a cidade de Pontevedra infraestruturas como o incremento da partida para a remodelación do Nó dos Bombeiros (que valoran en cinco millóns) ou o remate da A-57 entre A Ermida e Vilaboa (36 millóns), pero tamén outros proxectos como a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na Comisaría de Pontevedra (200.000) ou o Arquivo Histórico (200.000).
Sobre elas, Rafa Domínguez sinalou que son "emendas lóxicas e coherentes, perfectamente executables" e "o mínimo que se pode esixir", pois o Goberno actual de Pedro Sánchez non fixo ningunha obra de importancia nos últimos anos. O líder do PP da capital tamén aproveitou para criticar a falta de peso do PSOE pontevedrés e do BNG en Madrid, pois os nacionalistas foron peza clave na investidura do actual Goberno e o seu paso é "insignificante".
Ana Pastor criticou que "non é de recibo que non haxa nin unha soa obra nova en Pontevedra" e Rafa Domínguez que os socialistas están "tan avergonzados" da falta de proxectos para Pontevdra que "tivo que inventar unha partida para apropiarse da obra do novo Montecelo". Na súa opinión, é un "ridículo monumental" dentro duns orzamentos "desoladores".
Nas emendas hai unha que afecta a Pontevedra e a Marín, pedir dous millóns para a segunda fase do itinerario peonil entre Pontevedra e Marín, do que xa se executou a primeira fase, pero que non aparece nos PGE para 2023. Este segundo proxecto "quedou evaporado", en palabras de María Ramallo.
Tamén para Marín, piden 1,5 millóns para adecuación e mellora da PO-11 en Marín, na que só se actuou nunha das marxes, e María Ramallo aproveitou para pedir que os fondos europeos tamén cheguen aos concellos de menos de 50.000 habitantes. "Deben achandarse todos os obstáculos e que todos os concellos teñamos opción de poñer enriba da mesa as necesidades que temos", demanda.
Para Poio, Rocío Cochón explicou que estas emendas piden dous proxectos. Un deles é unha saída da AP-9 en Portosanto, para a que lembra que os terreos xa son públicos e que tería "moitas vantaxes para os veciños de San Salvador e San Xoán e para as empresas". Suporía 800.000 euros.
O outro proxecto que piden que se inclúa nos PGE é a senda entre A Seca e Combarro, que permitiría dar continuidade ao tramo executado polo anterior Goberno do PP e converter este paseo "nun balcón para a nosa ría"
Para Vilaboa, as demandas pasan por medio millón de euros para pantallas anti ruidos na AP-9 e un proxecto de senda peonil pola costa valorado en 300.000 euros.
Pastor critica que os Orzamentos Xerais do Estado do ano 2022, os que están agora en execución, "ademais de ser uns malos orzamentos, non cumpriron e non executaron". Afecta esta situación, por exemplo, ao Nó de Bombeiros, pois dos 2 millóns de euros que estaban incluídos nos orzamentos deste ano "executaron cero" e a A-57 tiña 23 millóns orzamentados e só se investiron 6,7.
En Galicia, lembra Ana Pastor, a porcentaxe de execución dos orzamentos de 2022 foi do 28%.