O PP pide máis ambulancias e un hospital de campaña ante as 'peñas' e o inicio das Festas da Peregrina

Pontevedra
10 de agosto 2022

A concelleira do PP de Pontevedra e responsable da área de Benestar Social, Silvia Junco, reuniuse con técnicos en emerxencias sanitarias da asociación Asgate 

Reunión de Silvia Junco con técnicos en emerxencias sanitarias da asociación Asgate

O Partido Popular de Pontevedra, a través da súa responsable da área de Benestar Silvia Junco, reuniuse este mércores con técnicos de emerxencias sanitarias da asociación Asgate co obxectivo de avaliar o dispositivo municipal sanitario e de seguridade de cara á próxima fin de semana, no que darán comezo as Festas da Peregrina e na que terá lugar a celebración de 'peñas'.

Entre as medidas que propón o grupo popular para garantir unha correcta atención sanitaria e de seguridade á multitude de persoas que se espera acudan á cidade, atópase a petición ao goberno municipal de que amplíe o número de ambulancias incluídas no plan de seguridade e que se instale un hospital de campaña.

Trátase de aspectos, asegura o PP, que deberían estar fixados nun Dispositivo de Riscos Previsibles, documento que debe identificar os riscos en eventos multitudinarios propoñendo os medios humanos e materiais necesarios ademais de establecer a comunicación e coordinación entre equipos.

Este Dispositivo de Riscos Previsibles, asegura Junco, redáctase para outras festas como a Feira Franca ou o Surfing The Lérez pero non existe para as Festas da Peregrina.

Ademais o Partido Popular critica que o Concello non teña actualizado desde o ano 2007 o Plan de Emerxencias Municipal de Pontevedra.