Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra e responsable da área de Urbanismo dentro do equipo que dirixe Rafa Domínguez, presentaba este venres un escrito no rexistro municipal no que demanda que se permita ao PP fiscalizar a posible adquisición do convento de Santa Clara.
"Non queremos un pelotazo inmobiliario", afirma o representante popular, que reclama ao Concello que sexa claro coa cidadanía e pide transparencia sobre a función que o goberno local quere dar ao inmoble e solicita que este espazo sexa para o goce de toda a cidadanía.
Pablo Fernández engade que "non queremos que se compre un edificio para que estea baleiro. Esiximos que sexa para o goce de todos os pontevedreses".
No escrito tamén demanda a comparecencia dos técnicos municipais que realizaron a inspección das instalacións para coñecer o seu balance. Entende que, despois de pasados catro meses de que realizaran a visita, os informes deben ser públicos. Fernández solicitou unha comisión extraordinaria de Réxime Interior para que os populares accedan á información do proceso da posible compra.
Ademais, atendendo a que esta operación superaría o 1% do orzamento municipal, o concelleiro popular require, amparándose na normativa actual, a presentación de informes periciais e avaliacións relevantes, incluíndo tamén o informe de intervención sobre o sistema de compra e financiamento desta intervención.