O Partido Popular de Pontevedra pide ao Concello que se deixe de parches e acometa xa a obra de naturalización do leito do Gafos.
Despois de que o goberno local anunciase que ían reforzar de forma provisional o tramo de paseo de Campolongo, acordoado e en risco de derrube, con planchas de formigón, desde a oposicióncritican a intervención e considérano "unha mostra da distancia entre o que Pontevedra quere e o que o Concello ofrece".
Os edís Pablo Fernández e Guille Juncal visitaron este mércores a zona e consideran un "malgasto de diñeiro en solucións transitorias para un tramo do Gafos que a medio prazo queren destapar".
Suxiren os populares ao goberno local que aborde xa, de maneira definitiva, a intervención final. "Non ten sentido facer parches. Propuxemos que o Concello que se poña a traballar na obra final, con tal de abaratar o proceso e acurtar os prazos. As obras non se poden facer eternas e lembrámoslles ao BNG e ao PSOE que o diñeiro de todos os pontevedreses é finito e nós estamos aquí para auditar o seu gasto", declarou Fernández.
O PP móstrase favorable ao proxecto para destapar o río ao seu paso por Campolongo pero consideran unha equivocación "a falta de visión do goberno local. En menos de tres meses deberían comezar as obras. Que sentido ten colocar uns ferros de formigón que en pouco máis de dous meses van demoler? Pedimos ao Concello que sexa valente e faga unha obra en condicións", rematou o edil.