O PP pide ao alcalde que “rectifique” cos bolardos da Peregrina e ínstao a buscar "consenso"

Pontevedra
20 de abril 2024

Rafa Domínguez fai súas as reivindicacións de sindicatos policiais e bombeiros e insiste en que "dificultan" o seu traballo á hora de prestar unha resposta adecuada ante unha emerxencia. Censura a "falta de coordinación" entre o Concello e a Subdelegación do Goberno: "os grandes prexudicados son os axentes da Policía Local e Nacional"

Rafa Domínguez, diante dos polémicos bolardos PP de Pontevedra

A instalación temporal de tres bolardos extraibles entre a Fonte dos Nenos e Daniel da Sota ou García Camba, no tramo peonil da rúa Peregrina, segue xerando polémica. Tras as críticas de sindicatos da Policía e os Bombeiros e unha vez que a Subdelegación do Goberno sinalou que non foi unha decisión consensuada, o PP súmase agora a repróchelos e pide ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que "rectifique". 

O presidente e portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, realizou esta petición este sábado tras recibir un informe da Policía Nacional no que se pon de manifesto "as dificultades que teñen os servizos de emerxencias para acceder ao centro da cidade cos novos bolardos". 

"O informe policial é rotundo. Este tipo de bolardos atrasan moito o acceso das patrullas ao centro histórico, xusto nun momento no que estamos a solicitar que se aumenten a presenza policial", insiste

Domínguez fai súas as reivindicacións dos sindicatos policiais e dos bombeiros e insiste en que "dificultan" o seu traballo á hora de prestar unha resposta adecuada ante unha emerxencia.

"As ambulancias, os bombeiros e os policías prestan un servizo público que non pode ser limitado, impedido ou estar supeditado a que un axente municipal acuda coa chave para abrir a parte móbil do bolardo", sostén o líder do PP. 

Ante esta situación, Domínguez recomenda ao Goberno local que avogue polo "diálogo" e a "procura de consenso" á hora de tomar este tipo de decisións que afectan os cidadáns e aos servizos de emerxencias.  

O líder do PP móstrase moi crítico coa concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Villaverde, por "mentir" aos pontevedreses ao dicir que a decisión fora acordada co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Losada negou ese consenso e Rafa Domínguez móstrase "moi sorprendido" ante os "dardos envelenados" que se están lanzando o Concello e a Subdelegación do Goberno desde que se paralizou o proxecto para completar o paseo peonil entre Pontevedra e Marín.

Para o líder 'popular', "os grandes prexudicados por esta falta de coordinación entre institucións son os axentes da Policía Local e Nacional, que velan pola seguridade dos pontevedreses". 

Domínguez lembrou este sábado que o Goberno local impediulle acudir á última Xunta Local de Seguridade e que, nesa reunión, o alcalde "omitiu falar sobre a súa intención de colocar novos bolardos".