O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, presentou unha batería de medidas fiscais para modificar os actuais impostos municipais. O principal cambio centraríase no incremento do Imposto de Actividades Económicas ás fábricas de ENCE e Elnosa que actualmente pagan 114.000 e 34.000 euros respectivamente.
O incremento proposto polo PP supoñería duplicar eses 148.000 euros. Jacobo Moreira cre "sorprendente e contraditorio" que non se cobre o máximo ao complexo industrial de Lourizán
Ao mesmo tempo, o grupo municipal popular levará ao pleno outra serie de medidas como bonificacións a familias numerosas, extinción do imposto de bens inmobles rústicos cando non se supere a cota de 100 euros e unha proposta consensuada con AEMPE para evitar a discriminación a empresas de emprendedores. O PP volve insistir na modificación da correspondente ordenanza fiscal para corrixir o exceso de recadación que o Concello aplica dende hai máis de sete anos.
Raimundo González, concelleiro de Facenda, cualificou de "patacada" estas propostas que relacionou con "a mala conciencia do PP" e sinalou que será necesario actuar con seriedade. En todo caso, sobre o incremento do IAE a Ence e Elnosa indicou que "se iso pode supoñer máis ingresos será estudado" pero "non se pode lexislar para ir en contra dunha empresa".