O PP levará ao pleno provincial unha moción para reclamar a gratuidade da peaxe de Curro na AP-9

Pontevedra
21 de maio 2024

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, anunciaba esta decisión que se debatirá no pleno do 31 de maio. O máximo representante provincial amosou o seu malestar porque o Goberno central si decida facer gratuítas outras vías de pago mentres mantén a AP-9 con peaxes

Luis López, presidente da Deputación Deputación de Pontevedra

"É un tema de vontade política", afirmaba este martes Luis López sobre a gratuidade da peaxe de Curro na autoestrada AP-9.

Por este motivo, o presidente da Deputación anunciaba que o grupo provincial do Partido Popular levará ao vindeiro pleno, previsto para o 31 de maio, unha moción para soliciatar ao goberno do Estado que se libere esa peaxe situada no tramo entre Pontevedra e Barro.

"Non podemos entender que para outras partes se inxecten 400 millóns de euros para liberar unha peaxe e aquí non se poida facer", manifestaba o presidente provincial este martes facendo referencia ao estudo que realiza o ministerio de Transportes, que dirixe Óscar puente, en relación coa liberalización da AP-7 en Alicante.

"A ninguén se lle escapa que a estrada que vai a Vilagarcía é a estrada autonómica que probablemente concentra máis tráfico", expoñía López, indicando que a gratuidade do tramo da autoestrada entre Pontevedra e Barro beneficiaría a esa vía ao igual que daría un pulo á comarca do Salnés, ao polígono de Barro-Meis e ás persoas que viaxan entre Pontevedra e Vilagarcía diariamente por motivos laborais.

"Xa chove sobre mollado porque houbo un candidato que prometeu que a AP-9 sería gratuíta e aí estamos", criticou o presidente da Deputación de Pontevedra sen chegar a citar a Gómez Besteiro, candidato socialista durante a campaña autonómica.

Manifestaba que o grupo popular agarda sumar o apoio do PSOE e do BNG nesta moción.

INVESTIMENTOS DO PLAN +PROVINCIA

Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa, ademais doutros sete concellos da provincia obterán fondos do Plan +Provincia da Deputación por un montante de 2,7 millóns de euros.

Desta forma, Campo Lameiro recibirá 160.000 euros para recuperar o espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira e outros 84.335 euros para intervencións en camiños de Castro de Orto, Camiño Padín e Reboredo.

En Ponte Caldelas van destinarse 158.000 euros para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, que xa recibira 47.800 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Vilaboa logrará 200.000 euros para reasfaltado de vías municipais en Cavada Chan, Paredes e Muíño. Mentres que en Soutomaior está previsto investir 218.668 euros para acondicionar o espazo de centralidade da contorna da Carreira dos Bolos na Pedreira.

A reparación e melloras dos parques infantís previstos na praza do Concello e no centro de Barrantes en Ribadumia serán o destino de 169.512 euros provinciais.

Por último, Sanxenxo recibirá medio millón de euros para acometer a humanización en Arra e en Baltar.

Por outra parte dentro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación tamén aprobaba este martes na Xunta de Goberno, unha cantidade de 108.000 euros para que se acondicione o campo de fútbol de Noalla.

Está prevista a ampliación e remodelación a cuberta da zona das bancadas. Tamén se cambiará a iluminación a focos Led para mellorar a eficiencia enerxética.