O PP local entrou esta fin de semana no intercambio de declaracións realizado durante os últimos días entre o comisario xefe da Policía Nacional, José Juan Díaz Jiménez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a presenza de barreiras físicas para as patrullas policiais pola cidade.
O comisario sinalou que "ningunha barreira física nin de ningunha outra índole vai impedir que os vehículos da Policía Nacional continúen patrullando absolutamente todas as rúas desta cidade" e o alcalde respondeulle que "hai xente á que lle custa entender que o espazo público é para as persoas".
Agora, o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, interpreta as palabras do alcalde e asegura que "Lores opta polo ‘comigo ou contra min’ cada vez que escoita unha opinión diferente, respectuosa e construtiva".
Este cruzamento de declaracións pódese contextualizar na polémica instalación duns bolardos na rúa Peregrina o pasado mes de abril, pois xa entón sindicatos policiais, corpos de emerxencias, PP e PSOE criticaron que impiden o acceso e saída dos vehículos de emerxencias do centro histórico.
Para Domínguez, o feito de que o Goberno local falase, nun principio, de que estes bolardos extraíbles eran temporais foi "un basto intento do BNG por enganar aos pontevedreses, da mesma forma que mentiron dicindo que existía un informe da Policía Local para tratar de xustificar unha medida sen consenso".
Domínguez insiste na importancia de que os corpos e forzas de seguridade accedan facilmente a todos os puntos da cidade, para atender as situacións de emerxencia do día a día e, no caso de Pontevedra, polos "problemas de seguridade cidadá que persisten” na contorna da Praza da Ferrería.
Domínguez ve "inasumible e inentendible" que Lores "prefira tomar decisións unilaterais en lugar de escoitar aos expertos, antes de implantar medidas que prexudican os cidadáns da cidade do Lérez".