O PP galego pon o foco no Congreso no cumprimento da promesa do Goberno de eliminar as peaxes da AP-9

Pontevedra
24 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os parlamentarios do Partido Popular rexistraron dúas preguntas ao Goberno central para coñecer que prazos contempla no cumprimento do seu compromiso e tamén como afectará a falta de Presupostos Xerais do Estado na aplicación desta medida

Deputados galegos do PP no Congreso PP

Os deputados galegos do PP no Congreso acaban de poñer o foco no cumprimento do compromiso do Goberno central de eliminar as peaxes da AP-9.

Os parlamentarios do Partido Popular elixidos polas catro provincias galegas rexistraron dúas preguntas ao Goberno central para coñecer que prazos contempla no cumprimento do seu compromiso e tamén como afectará a falta de Presupostos Xerais do Estado na aplicación desta medida.

Os 'populares' lembran que nas pasadas eleccións autonómicas o candidato socialista prometeu a gratuidade das peaxes nesta autoestrada "en nome do presidente do Goberno" e que na anterior lexislatura o presidente, Pedro Sánchez, comprometera a transferencia da súa titularidade á Xunta de Galicia.

Para os deputados galegos do PP, "son numerosos os incumprimentos de Sánchez con Galicia e o da AP-9 é o máis coñecido de todos: comprometeu o seu traspaso e incumpriu, comprometeu que este ano as peaxes serían gratuítas e ata o de agora incumpriuno tamén.

O portavoz adxunto do Grupo Popular no Congreso, Jaime de Olano, conclúe: "Temémonos que novamente o PSOE e o BNG intentarán tomarlle o pelo aos galegos". Ademais, lembra que este compromiso está incluído no pacto de investidura asinado entre socialistas e nacionalistas.