O PP esixe á Deputación un plan propio para potenciar os castros da provincia

Pontevedra
26 de xaneiro 2022

Os populares alertan da intención do Ministerio de Fomento de suspender o acordo asinado no 2015 co ente provincial para a posta en valor dos castros coa maior parte dos proxectos aínda sen executar

Jorge Cubela e Pepa Pardo visitan o castro Alto da Cruz, en Cerdedo Cotobade Partido Popular de la Provincia de Pontevedra

O grupo provincial do Partido Popular defenderá este venres no pleno da Deputación de Pontevedra unha moción para reclamar ao Goberno provincial que, si o Ministerio de Fomento suspende o convenio asinado no 2015 coa institución provincial para recuperar e poñer en valor os xacementos galaico-romanos da provincia, aprobe un plan propio para dar continuidade aos traballos.

O voceiro popular, Jorge Cubela, refírese a novas publicadas nos últimos días nos que o Ministerio de Fomento amosaba serias dúbidas sobre a continuidade deste proxecto, e sinalaba que estaba valorando si continuar ou suspender a súa participación nas seguintes fases do protocolo asinado. “É evidente que anos despois de asinarse o convenio, comprobamos como algunhas actuacións si se realizaron, pero a maior parte delas continúan sen facerse”, sinala Cubela.

Foi nunha visita ao castro Alto da Cruz, en Cerdedo-Cotobade no que Cubela, xunto coa tamén deputada provincial Pepa Pardo, recordou que o convenio do 2015 entre Deputación e Goberno central incluía que a institución provincial se ocupaba da limpeza, do mantemento e das escavacións dos xacementos da provincia, mentres que desde o Ministerio se centraban las labores de accesibilidade e musealización.

No protocolo, ademais do castro de Cerdedo-Cotobade, tamén se incluían outros xacementos da provincia, como Castrolandín en Cuntis; o Castro de Penalba, en Campo Lameiro; o Monte do Facho, en Cangas; Adro Vello, no Grove; A Lanzada, etc. De suspenderse o protocolo por parte do Ministerio, sinalan os populares, hai quince castros da provincia que se verían afectados por esta decisión, que son os que a día de hoxe están aínda pendentes de que se realicen os traballos. 

“Por iso entendemos que, dado a importancia que ten para recuperar e poñer en valor o patrimonio, entendemos que a Deputación debe comprometerse e, de non reclamar ao Ministerio que cumpra ata o final coas actuacións das fases que ten pendentes no protocolo asinado en 2015, o Goberno provincial debe facerse cargo e aprobar un plan propio para asumir tamén estas obrigas”, esixe o portavoz da oposición.