O PP di que Pontevedra é unha provincia "castigada" nos orzamentos do Estado

Pontevedra
15 de outubro 2021

Os deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra compareceron este venres en rolda de prensa para amosar unha "visión negativa" dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, "uns orzamentos que desprezan á provincia de Pontevedra"

Rolda de prensa dos deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra PP

Os deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra compareceron este venres en rolda de prensa para amosar unha "visión negativa" dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2022.

Segundo sinalaron, son "uns orzamentos que desprezan á provincia de Pontevedra", xa que todos os proxectos que se inclúen son un "corta e pega" dos orzamentos deste ano que non se executaron, como a Circunvalación de Pontevedra, o nó dos bombeiros ou investimentos para Zona Franca na área de Vigo, "pero non inclúen un só proxecto estratéxico novo”.

Ademáis, subliñaron que a media de execución do orzamento en Galicia é o 16%, "unha cantidade ridícula. Non só somos unha comunidade autónoma castigada, senón que tampouco gastan o que reservan nos orzamentos".

Ana Pastor afirmou que estes orzamentos "fan un reparto clientelar para favorecer aos seus socios de goberno, mentres a provincia de Pontevedra volve a ser a gran esquecida". Tamén criticou que a provincia quede fóra dos 70 mil millóns de euros dos fondos de Resiliencia e Recuperación que proceden da Unión Europea e que se destinan para financiar proxectos estratéxicos. 

Na cidade de Pontevedra, Pilar Rojo dixo que "os titulares de hoxe e hai un ano son exactamente os mesmos" xa que "seguimos falando dos mesmos proxectos, que ademais xa estaban asignados e orzamentados en 2018 co Partido Popular". 

Desde o PP anuncian que presentarán alegacións aos orzamentos, acordados cos concellos e colectivos da provincia.

Pola súa parte, o deputado Javier Bas contrapuxo os dous modelos de xestión para afrontar a recuperación da crise, "o afán recaudatorio de Sánchez para sufragar o seu despilfarro" ou o modelo do PP, con  "baixada de impostos, apoio ás familias e consolidación dos servizos públicos de calidade". 

E, por último, Elena Muñoz dixo que o que reciben os veciños de Pontevedra do Goberno central "é indigno para a provincia porque supón un freo ao desenvolvemento".