O PP denuncia que o barrio da Parda sofre unha "deterioración inadmisible dos servizos básicos"

Pontevedra
05 de agosto 2024

As concelleiras Bea Rey e Silvia Junco visitaron o barrio e, para "dar voz aos veciños que o alcalde ten máis abandonados", fanse eco das deficiencias localizadas. Denuncian falta de mantemento da única randeeira que hai no parque infantil e "risco de sufrir unha caída e facerse dano" para os nenos e nenas

Bea Rey e Silvia Junco, no barrio da Parda PP de Pontevedra

Dentro da súa rolda de visitas aos barrios da cidade, o Partido Popular de Pontevedra fixo parada nos últimos días na Parda, onde denuncia unha "deterioración inadmisible dos servizos básicos". 

As concelleiras Bea Rey e Silvia Junco visitaron o barrio e, para "dar voz aos veciños que o alcalde ten máis abandonados", fanse eco das deficiencias localizadas. 

 Ademais, lembran que o PP facilitou a aprobación da última modificación de crédito do Concello con varias "liñas vermellas", entre elas, o acondicionamento e mellora do parque infantil da rúa Hortas, situado fronte aos xulgados. 

A pesar diso, Rey e Junco denuncian que "a falta de mantemento fai imposible o uso da única randeeira que hai nesta zona de xogos", onde nenos e nenas xogan con precaución "polo risco de sufrir unha caída e facerse dano nalgunha das zonas onde o céspede está levantado".

Ademais do mal estado da randeeira, denuncian que hai maleza sen cortar, papeleiras rotas, bancos deteriorados, baldosas rotas ou estradas gretadas e con fochancas son a tónica habitual por todo o barrio. 

 Á vista desta situación, as concelleiras 'populares' sinalan que o seu partido dará "un tempo prudencial" ao Goberno local para que realice as obras de acondicionamento deste parque infantil. 

Outras deficiencias que denuncian sitúanse na rúa Campo Santo, pois a beirarrúa é "intransitable pola maleza que invade a zona de paso" e hai baldosas que se romperon e que deixaron apoiadas nun lateral, "dando mostra do pouco interese e o desprezo dos edís de goberno cara a este barrio tan importante para Pontevedra".

 O PP fala de "desidia" do Goberno municipal e poñen como exemplo as rúas Gaiteiro Ricardo Portela, Pintora Maruxa Mallo ou a avenida Virxinia Pereira Renda. "Son un perigo porque, se vas camiñando pola beirarrúa, tes que estar pendente de non tropezar e, se conduces, hai fochancas que levan anos sen ser reparados".

En Pintor Laxeiro, denuncian a ausencia de beirarrúas e a maleza que invade a estrada e fai "inviable que os veciños sentan seguros".