O PP demandará no pleno unha partida orzamentaria destinada a mellorar as condicións do persoal do Concello

Pontevedra
23 de novembro 2023

Representantes dos traballadores mantiveron un encontro con Rafa Domínguez e Pepa Pardo, máximos responsables do PP local, para tratar o conflito que permanece aberto entre o goberno pontevedrés e o persoal. Os traballadores demandan unha partida económica nos orzamentos de 2024 onde se recollan as melloras salariais prometidas

Rafa Domínguez, presidente local do PP, conversa con representantes sindicais do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Representantes sindicais do persoal de traballadores do Concello mantiñan este xoves un encontro na sede do Partido Popular con Rafa Domínguez e Pepa Pardo para tratar o conflito que, desde hai anos, mantén o persoal co goberno local de Pontevedra e que permanece enquistado.

Os representantes populares comprometéronse a presentar unha moción para que o BNG cumpra a promesa das melloras económicas realizada en 2019 tras a negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Pepa Pardo explicaba que "pretendemos que se atienda a las reivindicacións de los trabajadores" engadindo que reclamarán que se retome a negociación cos sindicatos actualizando a RPT: "ya es hora de que el BNG retome la negociación y abandone la imposición", manifestou a concelleira popular.

Explicou que durante o encontro foron os propios traballadores os que pediron que na moción inclúa a previsión dunha partida nos orzamentos para 2024destinada á mellora das condicións salariais dos traballadores.

 Héctor Santaló, delegado de Persoal do Concello de Pontevedra, engadía que a partida prevista no ano 2019 destinada a este fin era de 1.100.000 euros para o que habería que incrementar as cotizacións sociais. O representante dos traballadores expón que habería que incrementar esa cantidade ao redor dun 9,3%, polo que o montante situaríase ao redor de 1.600.000 euros.

Sobre as palabras do concelleiro César Mosquera durante as protestas dos traballadores na celebración do pleno cando se dirixiu a eles sinalando que as súas pretensións económicas non serían aprobadas nin por este nin por outro goberno, Santaló recoñeceu: "pensamos que Mosquera pode que sexa o responsable último detrás de toda esta cerrazón, detrás de toda esta obcecación, detrás da política de persoal".

O representante sindical manifestou que o concelleiro nacionalista cometeu un "erro de primeiro de política" ao meterse en materia doutra concelleira, Eva Vilaverde, responsable de Persoal, "permitíndose expresar unha cifra que non sei de onde sacou" en relación ás pretensións económicas dos traballadores.

Mantivo neste sentido que a intención sindical é "avanzar nos dereitos dos traballadores" para que se desenvolva un bo funcionamento do Concello e para mellorar as condicións e a calidade do traballo que realizan os funcionarios. Santaló sostén tamén que "non hai ningunha cuestión política na RPT", lembrando que os funcionarios son os garantes dos dereitos dos cidadáns ante a administración e por iso demandan que se poida exercer o seu traballo en condicións de igualdade: "iso interesa á cidadanía, non só nos interesa a nós".  

Pepa Pardo lamentou, pola súa banda, que o goberno local decidise "guardar en un cajón" o acordo da Mesa Xeral de Empregados do Concello de 2019, utilizando como desculpa a irrupción da pandemia e agarda que a moción sexa aprobada no vindeiro pleno.