O PP de Pontevedra cualifica os orzamentos do Estado de "cutres" coa provincia

Pontevedra
07 de outubro 2022

Os deputados nacionais Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, así como a senadora Pilar Rojo lembraron que, a pesar de ser o ano de máis recadación da historia de España e con maior gasto público, os investimentos para Galicia e para a provincia de Pontevedra quedan conxelados e non se aposta por ningún novo investimento

Diego Gago, Javier Bas, Ana Pastor, Pilar Rojo e Juan Constenla na sede do PP Pontevedra
Diego Gago, Javier Bas, Ana Pastor, Pilar Rojo e Juan Constenla na sede do PP Pontevedra / PontevedraViva

Unha representación dos deputados nacionais e senadores do Partido Popular de Pontevedra compareceu en rolda de prensa na sede provincial para facer unha valoración dos orzamentos xerais do Estado para a provincia.

Os deputados nacionais Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, así como a senadora Pilar Rojo cualificaron como "cutres" os orzamentos do Goberno central para a provincia. Nesta liña, lembraron que, a pesar de ser o ano de máis recadación da historia de España e con maior gasto público, os investimentos para Galicia e para a provincia de Pontevedra quedan conxelados e ademais non apostan por ningún novo investimento.

Ana Pastor denunciaba que nestes orzamentos estanse a incluír proxectos do exercicio pasado que non se executaron. A deputada nacional e integrante da Mesa do Congreso puxo como exemplo de orzamentos sen executar do ano 2022 os previstos para o Nó de Bombeiros ou a Circunvalación de Pontevedra.

Pastor denunciou que neste documento, aínda pendente de debate parlementario e aprobación, se inclúa unha partida destinada á obra de ampliación do Hospital Montecelo. Neste sentido, recorda que o Gran Montecelo é un proxecto do Goberno galego, "unha iniciativa que planifica, executa e paga a Xunta coas súas diferentes fontes de financiamento", entre outras a estatal, manifestaba.

"É como se a Xunta pon en proxectos contables do seu orzamento as obras que fan os concellos co Fondo de Cooperación Local. Un auténtico engano", engadiu Ana Pastor.

A senadora Pilar Rojo apuntaba que estes orzamentos "non apostan nin pola provincia nin pola cidade. Cada ano reescriben os mesmos proxectos. Pero de que vale escribir sobre o papel proxectos se ao final non se executan". Por este motivo, lanzaba a seguinte pregunta: "onde se gastaron os cartos que ían para proxectos en Pontevedra e que non se executaron?".

Deputados e senadores do PP Pontevedra xa están a traballar nas enmendas que presentarán a estes orzamentos e que comunicarán proximamente. Así mesmo, convidaban a que "os deputados e senadores socialistas de Pontevedra dean a cara e expliquen á cidadanía por que non defenderon esta provincia e por que consenten estes orzamentos", en palabras de Pilar Rojo.