O PP de Pontevedra considera "inxusto" a distribución dos fondos europeos para obras de abastecemento

Pontevedra
03 de setembro 2021

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, Pablo Fernández, solicitará información sobre a distribución destas axudas "que non está a chegar dunha maneira xusta e eficaz, como debería"

Pablo Fernández, concelleiro do PP

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, Pablo Fernández, preguntará na próxima Comisión municipal de Urbanismo pola distribución dos fondos europeos para obras de abastecemento no rural xa que considera "que non está a chegar dunha maneira xusta e eficaz, como debería".

Segundo trasladou o PP, algúns veciños de varias parroquias pontevedresas trasladáronlles "que o Concello decidiu que as últimas vivendas de cada parroquia queden fóra desta repartición de axudas, xa que é máis custoso chegar a elas".

Pablo Fernández asegura que "é inxustificable que o motivo económico prime en algo tan básico como o abastecemento" polo que estudará os motivos que levaron ao  Concello a "deixar tirados a decenas de veciños".

"Se xa nos preocupaba a existencia de veciños de segunda categoría, con demandas lóxicas, agora alármanos que se estea xerado unha terceira división", declarou Fernández.