O PP de Pontevedra advirte do "deterioro evidente e perigoso" das estradas nacionais

Barro
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Representantes do Partido Popular no Congreso dos Deputados, no Senado e nos municipios de Pontevedra e O Morrazo fixeron esta reclamación ao pé da estrada N-550 ao seu paso polo concello de Barro  

Comparecencia de representantes do Partido Popular ao pé da estrada N-550 ao seu paso por Barro PP de Pontevedra

Representantes do Partido Popular no Congreso dos Deputados, no Senado e nos municipios de Pontevedra e O Morrazo advertiron este luns do "deterioro evidente e perigoso" das estradas nacionais e esixiron ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que acometa de xeito urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 75,4 quilómetros destes viais que percorren as bisbarras de Pontevedra e O Morrazo.

Sinalan os populares as estradas N-550, N-541 e N-554, xa que se atopan nun "estado moi deficiente por mor da nula ou escasa labor de mantemento e conservación ao longo dos últimos seis anos".

Estas tres estradas de titularidade estatal son empregadas diariamente por ata 37.406 usuarios por xornada, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes. 

A deputada Ana Pastor, a senadora Pepa Pardo; os deputados autonómicos José Balseiros, Loli Hermelo e Marta Mariño; o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, o deputado provincial e alcalde Jorge Cubela, e o vicepresidente do PP de Barro, Miguel Batallán fixeron esta reclamación ao pé da estrada N-550 ao seu paso polo concello de Barro. 

A pasada semana o PP fixo esta mesma demanda para a zona de Caldas e O Salnés e xa aprobou unha moción do PP Provincial pola que a Deputación de Pontevedra solicita ao Goberno de España a "inmediata modernización desta rede estatal" nos 317,5 quilómetros das 11 vías destas características que percorren 27 municipios de Pontevedra.

Os populares sinalaron que as "numerosas deficiencias e desperfectos", que presentan estas estradas sobre todo no que se refire ao estado do firme "con innumerables fochancas, fendas e desniveis na plataforma, graves problemas de drenaxe, mala sinalización, falla de visibilidade, peraltes deteriorados e cruces perigosos".

Ana Pastor sinalou que o Goberno de España inviste tres veces máis nesta materia en Cataluña malia ter unha rede estatal máis cativa ca galega, e que no caso da provincia de Pontevedra "tena completamente de lado e iso afecta gravemente á seguridade viaria", detallou.

Finalmente, o deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, impulsor do chamado Pacto de Pedre, lamentou que o Goberno de España "se agoche detrás dunha insuficiente mellora da N-541 que se centra basicamente en Forcarei", e da que "non sabemos nada malia anunciarse hai 14 meses", e dun contrato de mantemento plurianual de 112 millóns para cinco comunidades autónomas "que non responde ás necesidades que teñen as estradas nacionais das nosas bisbarras e da provincia".

Os populares anunciaron que van presentar mocións nos 27 concellos da provincia polas que discorren estas estradas nacionais para seguir dándolle continuidade a esta reivindicación.