O PP de Poio presenta o seu proxecto de humanización de San Salvador

Poio
05 de maio 2023

Buscará financiación para este proxecto a través do Plan de acción contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia

Infografía do proxecto de humanización de San Salvador proposta polo PP PP de Poio

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres o seu proxecto para humanizar todo o núcleo de San Salvador, que inclúe A Barca, Ferreiros, Andurique, Porteliña, avenida Sineiro e Encoirados.

Ángel Moldes incidiu que con esta actuación "sensible e consensuada" o PP quere "darlle protagonismo ás persoas e eliminar as barreiras arquitectónicas" ofrecendo seguridade aos peóns "pero sen esquecernos dos comercios, dos negocios e dos veciños que viven na contorna". 

E para iso o proxecto inclúe pasos de peóns elevados, mellora da iluminación, reposición de mobiliario e un "incremento dun 20% das prazas de estacionamento" ao tempo que "garante o dobre sentido na avenida da Barca e na propia Ponte, para que haxa unha convivencia entre peóns e vehículos". 

Moldes explica que buscará financiamento para este proxecto a través do Plan de acción contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia.