O PP de Poio ponse do lado da frota local para tumbar o novo regramento europeo

Poio
26 de marzo 2021

Os populares critican que a norma non distingue entre pesca artesanal e comercial e aseguran que esixen obrigacións inasumibles para os pescadores galegos

Frota pesqueira de Poio PP de Poio

O Partido Popular de Poio rexistra unha moción de apoio ás demandas das confrarías galegas e especialmente á frota pesqueira de Poio fronte ao novo regulamento de control pesqueiro da UE "que non distingue entre a pesca artesanal e a comercial".

O portavoz dos populares, Ángel Moldes, lamenta que a reforma deste regulamento que actualmente se tramita no Parlamento Europeo "non recolle as demandas do sector en Galicia" e impón medidas inasumibles para boa parte da frota galega, como un rexistro de capturas electrónico, cámaras  obrigatorias ou a xeolocalización das embarcacións, que, á súa entender, son produto do descoñecemento da realidade da pesca en Galicia.

O texto apoia o paro convocado polas confrarías para este venres e outras posibles mobilizacións, e súmase á petición de dimisión da eurodeputada socialista Clara Aguilera, á que as confrarías reprochan que nin sequera atendese a invitación expresa dos patróns maiores para comprobar in situ as características da frota galega e a imposibilidade de asumir esas medidas.

Moldes destacou a importancia de paralizar esta reforma xa que as imposicións do novo regulamento "afectarían ao 100% das embarcacións con base en Poio", e subliñou a necesidade de que "calquera reforma deste regulamento, calquera regulación da pesca ten que ter en conta as necesidades e as demandas dos pescadores de Poio e de toda Galicia".

Moldes lembrou que ao PP local "nunca nos tremeu nin nos tremerá a man cando se trata de poñernos á beira da xente do mar de Poio", e pediu o apoio dos demais grupos para defender a un sector que constitúe "unha actividade económica esencial, unha realidade social propia e unha peza crave do noso patrimonio cultural".